Actualidade Un prototipo de Akira para Game Boy véndese por case 3.000 dólares

Un prototipo de Akira para Game Boy véndese por case 3.000 dólares

En ocasións, podémonos atopar con verdadeiras reliquias nas poxas. Obxectos de colección, únicos na súa especie. Este foi o caso de Akira, unha das obras cume da cultura xaponesa, cuxo prototipo para a Game Boy, a lendaria consola portátil de Nintendo, foi vendido en eBay por 2.729 dólares.

Porén, non estamos a falar dun único cartucho. Os deseñadores trasladaron as ideas que desenvolveron a uns cartuchos non comerciais cos que poder probar os froitos do seu traballo. Ata en catro destes cartuchos está repartido o xogo.

Akira converteuse nun dos manga-anime máis influíntes de todos os tempos.

Akira para Game Boy tiña dous grandes partes ben diferenciadas. Dunha banda, atopabámonos con niveis de condución aos mandos da famosa moto de Kaneda, ao máis puro estilo Excitebike. Posteriormente, as plataformas clásicas facían a súa aparición, tendo que avanzar nos escenarios mentres nos desfaciamos de toda clase de inimigos. Tamén podiamos chegar a tomar o control de Tetsuo, se así o desexabamos.

A pesar de que o propietario anterior, Patrick Scott Patterson, tiña a firme intención de unir todas as partes para poder crear unha versión final, a falta de tempo impediulle realizar este proxecto. Finalmente, vendeu os cartuchos pola cifra anteriormente sinalada. Aquí tendes n vídeo que amosa o xogo.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.