Unha nova xeración á vista :: Que podemos agardar dela?
A novena xeración de consolas atópase ao virar da esquina. Ao longo das dúas próximas semanas, tanto a Xbox Series X como a Playstation 5 estarán á venda nas nosas tendas e, polo que parece, cunha importante recepción por parte dos xogadores. Polo momento –e especialmente nun ano tan incerto coma este– pouco sabemos dos plans a longo plazo tanto de Sony como de Microsoft pero, que podemos agardar desta nova xeración?
Primeiramente, todo apunta a que a particular “guerra” entre as compañías nipona e estadounidense será máis igualada ca nunca. Ambas contan cun importante número de estudos first-party e Microsoft vén de plantar cara aos potentes exclusivos de Sony co seu novedoso Game Pass que fai accesibles unha morea de xogos a un prezo practicamente ridículo. A aposta forte da división que encabeza Phil Spencer por este servizo de subscrición –ao que Sony trata de facer fronte con Plus Collection– pode ser un dos factores máis importantes desta xeración, pois, ao igual que pasou co cine e as series, trata de pivotar o mercado cara ao dixital, desbotando o físico. Quedará por ver se o streaming formará parte deste novo modelo de negocio –o servicio PS Now trata de “arranxar” o problema de Sony coa retrocompatibilidade–, pero vendo o nulo éxito de Stadia, polo momento semella que non será o que os xogadores escollan.
En canto aos xogos que nos deparará esta novena xeración, agardo que o catálogo ofreza unha maior diversidade de títulos agora que a potencia destas novas máquinas fai posibles cousas como eliminar as pantallas de carga case por completo. É hora de apostar máis por innovacións técnicas no canto de vendernos gráficos (máis) hiperrealistas e elementos estéticos espectaculares. Deathloop é un bo exemplo, un shooter en primeira persoa con conceptos interesantes como ese bucle temporal do que hai que saír para gañar. En poucas palabras, potenciar a diversión por riba da espectacularidade. Neste senso, creo que os estudos independentes verán incrementada a súa importancia dentro da industria. Nun contexto no que os first-party triplo A valen 80 euros, os xogadores apostarán de seguro máis por estes xogos máis alternativos e –a miúdo– con ideas innovadoras que, ademais, son máis económicos.
A xeración que queda atrás deixa un debate a raíz das declaraciones que Frank Gibeau, directivo de EA, fixo sobre a obsolescencia do modelo de single player. Durante un tempo, cada xogo de grandes desenvolvedoras viña empaquetado cun modo multixogador, pois semellaba que o discurso calara na industria. Pero o éxito de entregas como The Last Of Us, Red Dead Redemption 2, God Of War ou Marvel’s Spiderman revertiu esta tendencia e o multixogador online, no que actualmente gobernan con man de ferro os battle royale, convive pacificamente coas experiencias dun só xogador.
Unha das novidades que traerán tanto a Xbox Series X como a Playstation 5 con respecto ás súas predecesoras é a retrocompatibilidade, como mínimo, cos xogos da anterior xeración. Esta decisión –practicamente demandada pola totalidade da comunidade– rematará, máis que probablemente, cun dos vicios máis esaxerados que estudos e distribuidoras levaron a cabo nos primeiros anos da Xbox One e PS4: as remasterizacións de títulos que venderan ben nos anteriores sistemas e que eran inxogables nas novas máquinas cuxo único valor engadido era unha mínima mellora gráfica –o salto da sétima á oitava xeración non supuxo importantes avances técnicos– e, no mellor dos casos, o contido descargable incluído. Á venda, por suposto, polo prezo completo. No canto disto, desta volta temos diversos títulos interxeracionais para os cales, na maioría dos casos, comprar a copia da anterior xeración garantízanos unha copia dixital gratuíta da nova. Seguen sendo remasters con melloras técnicas e visuais, coa salvedade de que desta vez non toman o pelo aos consumidores e os tratan co respecto que merecen.
É de agardar que esta vindeira xeración sexa unha moi longa, quizáis máis que as dúas anteriores. Non semella que vaia haber moitos avances técnicos no futuro próximo e estas máquinas teñen moito potencial para exprimir. Ademais, a crise económica derivada da actual pandemia non será curta; predeciblemente, as consolas non se venderán coa mesma celeridade que en condicións normais e o aumento do prezo dos triple A e first party tamén reducirá o acceso a eles durante a súa ventá de saída. Isto, engadido ao impacto que a crise terá nos propios estudos, que aínda está por ver, probablemente fará que esta novena xeración se desenvolva máis lentamente e dure máis.
En resumo, este mes de novembro daremos a benvida a unha nova xeración de xogos e videoconsolas nun contexto socioeconómico complicado pero que definirá a que nos últimos anos se converteu na primeira industria cultural a nivel global tras sobrepasar ao cine e á música. De seguro que nos traerá máis ledicia que decepcións.