Unha ollada a Harry Potter: Wizards Unite, o novo dos creados de Pokémon GO

Unha ollada a Harry Potter: Wizards Unite, o novo dos creados de Pokémon GO

Aínda non tiveramos ocasión de contar nesta revista a inminente chegada de Harry Potter: Wizards Unite, futuro título para iOS e Android, que esta mesma semana, a través de Warner Bros e Niantic, confirmaba un lanzamento inminente. Sexa nas próximas horas ou días, o xogo aparecerá para a súa descarga masiva nas tendas dixitais habituais.

Si, Niantic é a compañía detrás dese bombazo mundial que foi Pokémon GO, polo que a expectación ao redor desta obra é máxima. A franquía creada por J. K. Rowling é coñecida en todo o globo como unha das marcas máis rendibles e suculentas economicamente, ao posuír fieis lexións de seguidores que se contan por millóns.

Neste novo título, os xogadores formarán pare dun grupo de magos coñecido como as Forzas Especiais do Estatuto do Segredo. O seu obxectivo? Cumprir misións que permitan manter o mundo máxico fóra do coñecemento dos muggles. Toda persoa que descargue a aplicación poderá percorrer as rúas da súa cidade na procura de criaturas e animais fantásticos que ameazan con desvelar o gran segredo. A continuación tes un extenso gameplay:

Para derrotar a estas criaturas máxicas, poderemos realizar feitizos movendo o dedo pola pantalla. Dependendo da maxia haberá que realizar un movemento ou outro. A enerxía dispoñible para esta tarefa non é infinita polo que os xogadores deberán axudarse de bebidas especiais que fortalecen os esconxuros.

Igual que en Pokémon GO, poderemos realizar combates en solitario ou con outros xogadores. Como non, segundo fagamos misións subiremos de nivel e aumentando noso poder. Evidentemente, haberá que andar e moito se o que queremos é avanzar o máis rápido posible para así obter máis obxectos e máis enerxía.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados