Análises Untitled Goose Game :: Un ganso, uns panocos e moitas risas

Untitled Goose Game :: Un ganso, uns panocos e moitas risas

A comedia precisa de ritmo, dunha entoación, dun tempo e dun momento moi concreto no que o chiste ou a broma vai a funcionar. Fóra de aí, podes transformar a comedia en drama, resultar ofensivo ou transformar algo potencialmente gracioso nunha auténtica chafallada. Ser quen de facer que a xente ría con algo que estás contando, sexa isto unha anécdota, un chiste ou mesmo algo do que, en principio, non nos deberíamos rir é unha das cousas máis complicadas de facer dentro da ficción. E moitas veces faise mal e faise sen ter en conta o público ao que se dirixe, porque penso que o humor debe facerse de abaixo cara arriba, nunca dende unha posición de privilexio porque, senón, podes transformar a comedia en algo que resulte doloroso para parte do teu público. Poderíamos dicir que o humor non ten límites até que tropeza coa dignidade e o sentir das persoas.

Untitled Goose Game ten un humor moi parvo

Untitled Goose Game ten un humor moi branco e se cadra non toda a mala baba nin a picardía que podería ter, pero é o GOTY deste ano no seu campo. Non hai máis discusión e até aquí chega a análise. Agora en serio, que pasa cando soltas un animal no medio dunha vila habitada por panocos? Goat Simulator tentou dar resposta a esta interesante pregunta mediante a anarquía mentres que, pola contra, Untitled Goose Game faino mediante a orde, con sentido, lóxica e moi mala baba. É un xogo que non perde o tempo en explicarte nada: tes un botón para coller cousas, un botón para agacharte, outro para correr e un último para grallar. Non precisas máis nada para sementar pánico e confusión pola vila.

O mal en forma de ave e o bonito en forma de xogo

Na boca dun ganso naceu Pennywise

Os gansos son animais marabillosos…vistos desde lonxe. En canto estás preto dalgún deles, podes comprobar que o seu pico serviulle de inspiración a Stephen King para crear a Penywise. A natureza é marabillosa, non si? Trátase de aves con moi mal xenio pero moi fermosas e, ao mesmo tempo, bastante cómicas. Este aspecto é algo que capta moi ben House House e o traslada na forma dun título moi atractivo a nivel visual que xoga esa baza da dualidade da ave protagonista: e bonito e, ao mesmo tempo, ten moi mal carácter.  Asumimos o papel dun ganso que se dedica a facerlle a vida imposible a todos os veciños dunha fermosa vila campestre na que ninguén se libra das súas falcatruadas. Porén, esta mala baba da ave protagonista, combinase cunha paleta de cores moi agradábeis e sinxelos, e uns modelos minimalistas que encaixan perfectamente co concepto do xogo.

En aparencia estamos ante un título moi sinxelo, minimalista se cadra, aínda que, se afondamos un pouco, podemos ver que realmente se trata dun xogo moi traballado a nivel de guión dadas as posibilidades que temos no momento de enfrontar cada un dos escenarios. Tanto a súa arte como a súa narrativa ou as súas mecánicas son a expresión mínima do videoxogo. Unha lista de tarefas, varios escenarios conectados entre eles, catro botóns e unha pequena capa de lóxica soterrada no código que ofrece varias formas de resolver cada unha das tarefas que tes que levar a cabo. O obxectivo final: molestar a todos todo canto poidas nunha aproximación ao humor puramente slapstick.

Nun tempo no que as compañías poñen moito énfase no realismo, chega House House e volve a todo o mundo parvo cunha marabilla de obra que traslada o slapstick comedy do cine á linguaxe dos videoxogos. Que como o fai? Faino a través de quebracabezas sinxelos, que as veces poden ser bastante rebuscados, e tamén cunha pequena dose de sixilo. Porén, neste segundo aspecto, trátase dun xogo bastante permisivo, non existe un fin de xogo e non castiga o erro con dureza. Neste eido, está moi ben e encaixa coa narrativa do título xa que, ao fin e ao cabo asumes o papel dun ganso, unha ave torpe fóra da auga e que camiña como Fraga. Non se pode esperar de ti que sexas áxil. Penso que unha aproximación moito máis dura tería matado o xogo. Algo que dende House House foi entendido así, ofrecéndonos a posibilidade de ser quen de levar a cabo os plans de xeito moi torpe. De feito, agás nun par de ocasións, rematei o xogo sen ter que botar man de ser sixiloso.

Un slapstick levado a videoxogo

Os videoxogos beben do cine, igual que beben da literatura, da pintura, da música ou de calquera arte. Son unha conxunción de ideas levados a un novo espazo, con novas ferramentas e que conta cunha participación máis directa do seu público Unha das primeiras cousas que se fixo no cine nos seus comezos foi explotar a comedia da labazada, o slapstick. Porén, resulta curioso que, nos videoxogos, sexa un xénero que non é independente nin se conciba como tal, cando se trata dun tipo de xogo que resulta satisfactorio, sobre todo se é algo tan directo como Untitled Goose Game. Aos gansos préstanos que os plans saian ben.

O ganso non ten piedade de ninguén

O humor de Untitled Goose Game é puro slapstick, inocente pero cun fondo de picardía, tanta como o xogador queira ter. En cada situación, en cada escenario saca unha gargallada que nace do satisfactorio que resulta pararse, observar as nosas vítimas, ver como reaccionan á nosa presencia e accións. De experimentar como trazamos un plan no que, aos poucos, as pezas van encaixando até que a falcatruada remata e os panocos acaban por poñer unha sinal de prohibido gansos, como se realmente puidesen dicirlle a este ganso por onde pode ou non pasar. Este ganso é un predador, un predador de gags que case sempre logra ter bos resultados. Incluso fóra das nosas pantallas.

A narrativa emerxente en Untitled Goose Game

Teño certa teima coas análises narrativas e, por moito que Untitled Goose Game sexa un xogo para botar un bo rato, tamén penso que é importante falar da narrativa emerxente que este xogo minimalista crea. Unha das cousas máis marabillosas deste título é a capacidade que tivo de facer que todos nos volvéramos idiotas e caéramos rendidos ante un xogo parvo e sinxelo. O humor do xogo do ganso é moi estúpido, pero o humor acaba por levar a máis humor e o xogo do ganso non ía quedar libre disto: memes ou bromas poboan a rede, e até houbo quen capaz de converter a esta malvada ave nun símbolo baixo o que manifestarse

Cando comezaba esta análise falaba de que o humor tense que facer de abaixo cara arriba e Untitled Goose Game é un exemplo. Un ganso contra humanos é algo que se pode interpretar coma o pobo contra os seus gobernantes, os de abaixo contra os de arriba. A comedia, o humor, a sátira, a mofa cara aos que ostentan o poder é unha das poucas ferramentas que temos neste sistema para, ao menos, seguir tendo un mínimo de esperanza. Debemos abrazalo con forza e empregalo para reivindicar dereitos e liberdades. O feito de que Untitled Goose Game fora quen de saír ao mundo exterior como símbolo dunha protesta en favor da permanencia do Reino Unido na Unión Europea supón unha mostra máis de que non só o medio está a madurar, senón que parte dos xogadores están a facelo ao mesmo tempo. Os videoxogos van evolucionar, van cambiar e somos nós quen temos que decidir como queremos formar parte deste proceso. Queremos ser o ganso ou queremos ser os panocos?

 

9

O mellor

  • Moi divertido
  • Planear e ir vendo como todas as pezas encaixan resulta moi satisfactorio
  • Ser un ganso
  • Ter varias posibilidades para enfrontar cada situación
  • O seu sentido do humor
  • Os memes

O peor

  • Algúns quebracabezas poden resultar algo rebuscados
  • Fáltalle un pouco máis de mala baba
Esteban Canle

Colaborador de Morcego. Gústame falar, ler e escribir sobre videoxogos.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de Carne
    • En: 24 de Outubro de 2019

    Xogueino entero e se ben é certo que hai certos nivéis nos que ou tiras de “walktrough” ou vas listo, en xeral podes sacar o xogo ben sen problemas.

    Unha agradable sorpresa n Switch.

    Se me permitides unha recomendación, xoguei por recomendación o Sayonara Wild Hearts, e é outra obra de arte.