Actualidade Uri Geller retira a demanda que impedía a Nintendo utilizar a Kadabra en cartas Pokémon

Uri Geller retira a demanda que impedía a Nintendo utilizar a Kadabra en cartas Pokémon

O certo é que a primeira xeración Pokémon foi todo un fenómeno social e cultural. Durante os anos 90 e principios do milenio, era ben difícil dar con alguén que non soubese recoñecer con asombrosa exactitude cada un dos 151 Pokémon que habitaban Kanto. Pode que non o saibas, pero por aquel entón, Uri Geller, o famoso ilusionista —e psíquico autoproclamado—, non vía con moi bos ollos a Kadabra, o Pokémon capaz de dobrar coa súa mente a culler que portaba.

O israelí acusou a Nintendo de crear un personaxe baseado nel. Kadabra imitaba o seu mesmo truco e, ademais, o seu nome en xaponés (Yungerer) era demasiado similar como para ser casualidade. Kadabra nunca foi retirado dos videoxogos, pero si deixou de aparecer nas cartas de Pokémon Trading Card Game.

Despois da demanda que o ilusionista puxo no ano 2000, Kadabra leva máis de 17 anos sen aparecer no xogo de cartas. É máis, as regras do seu xogo tiveron que ser modificadas, xa que Abra pasou a evolucionar, directamente, en Alakazam. Dúas décadas despois, a situación parece que dará un xiro. Uri Geller publicou un anuncio en Twitter no que pide desculpas por aquela demanda e explica que xa deu o seu consentimento para que o Pokémon volva ao xogo de cartas.

Segundo parece, ao longo dos últimos anos, o ilusionista non parou de recibir cartas de afeccionados ao xogo pedíndolle que cambiase de opinión. Finalmente, así foi.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.