Actualidade Valheim detalla os seus plans de futuro após o seu éxito global

Valheim detalla os seus plans de futuro após o seu éxito global

Tiñamos pendente de falar en Morcego de Valheim, mais a estas alturas da película pouco queda por explicar: é a última sorpresa do momento, outro deses títulos que se disparou en vendas e xogadores logo de andar de dito en dito. Iron Gate, compañía detrás da obra, xa confirmou a venda de máis de dous millóns de copias en menos de dúas semanas, pulverizando marcas de xogadores simultáneos en Steam. Por suposto, quixeron deixar claro que o xogo ten percorrido e así o materializan cun esquema de actualizacións e expansións.

O estudio comentou a PCGamer os seus plans, que quedan condensados en catro actualizacións distintas, pero que, por motivos evidentes, non contan cunha data concreta de saída. Son as seguintes:

  • Hearth and Home – Poñerá o foco na construción de fogares, con máis elementos para as casas e actividades para realizar tanto dentro como fóra dela, como pode ser por exemplo a preparación de pratos de comida coas receitas que se aprendan ou un horto con plantas para cultivar
  • Cult of the Wolf – Enfocada na exploración e o combate, con novos tipos de encontros. Ademais, o estudio tamén explica que se centrará no bioma da montaña e nos lobos que habitan alí
  • Ships and the Sea – O bioma do océano será o principal protagonista desta actualización. Poderanse personalizar barcos e engadiranse máis actividades para que non estea tan abandonado en comparación cos demais biomas
  • Mistlands – Será unha das expansións máis grandes de todas, pois incorporará un novo bioma que se sumará aos xa existentes. Á súa vez, estará acompañado por novos inimigos, xefes finais, obxectos, recursos e moito máis…
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.