Actualidade Valorant, o vindeiro título de Riot Games, abre as inscricións para a súa beta

Valorant, o vindeiro título de Riot Games, abre as inscricións para a súa beta

O próximo xogo free to play de Riot Games, Valorant, véen de abrir inscricións para a súa beta pechada. Dispoñíbel a partir do 7 de abril ás 15 horas, poderase gozar en Estados Unidos, Turquía, Canadá, Rusia e Europa. Após o lanzamento do seu anterior título, Legends of Runeterra, a compañía propietaria de League of Legends espera conquistar á comunidade con este hero shooter F2P que foi presentado orixinalmente como Project A.

«O noso plan era levar a beta pechada de Valorant ao maior número de xogadores, pero o COVID-19 trastornou os plans, comprometendo un lanzamento mundial» recoñeceu Anna Donlon, produtora executiva do xogo. Malia que a desenvolvedora non é inmune á problemática sanitaria, a beta podería ser ampliada a outras rexións en función da evolución da pandemia. Alén destas complicacións, podedes inscribirvos na beta pechada de Valorant a través desta ligazón, cuxa xanela de lanzamento está fixada para verán en PC.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.