Valorant :: Todo listo para que empece a beta do novo de Riot

Valorant :: Todo listo para que empece a beta do novo de Riot

Hoxe, ás 14 horas, dáse o pistoletazo de saída na beta pechada de Valorant, o novo xogo de Riot e o seu primeiro shooter. Quen nos ía dicir a nós hai un ano que unha compañía que levaba tanto tempo cun só xogo ía pasar a ter catro dispoñíbeis en tan pouco tempo, dándolle así ao fin sentido ao seu nome. Así que como de seguro algún e algunha anda un pouco perdido con isto de Valorant, e non é de estrañar, imos facer un pequeno repaso a todo o que precisas saber sobre o novo xogo de Riot Games.

Acceso á Beta

O  primeiro é o primeiro: como xogo a Valorant? Por agora o título atópase nunha beta pechada para a que só temos unha forma de acceder, a través de drops en Twitch, é dicir, para poder ter opción de acceder a esta primeira fase temos que vincular a nosa conta de Riot coa nosa conta de Twitch e probar sorte vendo algúns das retransmisiós oficiais.

Os drops prodúcense sós de forma aleatoria e non son códigos, se vos toca avisaravos no propio chat de Twitch e chegaravos un mail confirmándovos o acceso, asi que se vedes a alguén sorteando claves non lle fagades caso. Se xa tivéstedes a sorte de obter o acceso podedes descargar o xogo dende esta ligazón, xogo que, como dicía ao principio, se activará ás 14 horas de hoxe.

Co tempo iranse activando máis pases da beta, así que se nesta primeira fornada non podedes acceder non desesperedes, haberá moitas máis oportunidades, e no peor dos casos no verán xa estará dispoñíbel para todo o mundo de xeito gratuíto.

Que preciso para xogar?

Como soe pasar cos xogos desta empresa, os requisitos do sistema para poder adicarlle horas e horas a Valorant non son demasiado esixentes, só hai que ver como League of Legends segue sendo xogábel en auténticas patacas.

Especificacións mínimas (30 FPS):

  • Procesador: Intel Core 2 Duo E8400
  • Tarxeta gráfica: Intel HD 3000

Especificacións aconselladas (60 FPS):

  • Procesador: Intel i3-4150
  • Tarxeta gráfica: Geforce GT 730

Especificacións de gama alta (144 FPS ou máis):

  • Procesador: Intel Core i5-4460 3,2GHz
  • Tarxeta gráfica: GTX 1050 Ti

Requisitos de hardware para PC:

Windows 7/8/10 de 64-bit

4 GB de memoria RAM

1 GB de memoria VRAM

Con que personaxes podo xogar?

De partida contaremos con nove personaxes cos que xogar, cada un coas súas habilidades e características únicas aínda que, como sabedes, en Valorant as habilidades son ferramentas que nos axudan a conseguir o noso fin pero non supoñen unha vantaxe definitiva per se, polo que a súa importancia radica en como as usemos. É importante saber que en cada equipo non pode haber dúas personaxes iguais polo que cómpre elixir pronto ou podemos quedar sen o noso favorito.

Aquí vos deixo unha lista coas personaxes xunto cun vídeo narrado por Ulises da LVP, onde explica as súas habilidades.

 BreachSageJettOmenCypherSovaViper | PhoenixBrimstone

En que mapas podo xogar?

De saída Valorant contará con dous mapas, Haven e Bind, aínda que xa hai quen deu cun terceiro argallando na programación do xogo: Bonsai, que veremos se chega nun futuro.

Haven é sen dúbida o máis curioso dos dous mapas porque en vez de contar con dúas zonas de bomba, as zonas A e B que levamos toda a vida vendo en Counter Strike, conta con tres zonas, o que supón que o equipo defensor terá que cubrir moito máis espazo e polo tanto coordinarse moi ben para ser capaz de cubrir todo o mapa.

 

Bind é un mapa máis tradicional, con dúas áreas de bomba, pero para compensalo conta cunha nova mecánica, portais de teleportación, unindo areas alonxadas e moi próximas ás zonas A e B, o que de seguro axuda a darlle un ritmo frenético a este mapa.

Dinámicas de xogo, armas e rangos

A dinámica do xogo é moi similar ao que estamos acostumados en Counter Strike, un equipo ten que plantar e facer explotar a bomba nunha das zonas e outro ten que evitalo, sendo o gañador o que consiga o seu obxectivo un maior número de veces das 25 roldas. Cada 12 quendas múdase de bando e cada quenda dura un minuto e medio. Entre cada rolda contaremos coa posibilidade de mercar novas armas con créditos que iremos aforrando. As armas teñen diferentes prezos; na primeira ronda só poderemos mercar as máis básicas, e segundo avance o xogo e vaiamos xestionando a nosa economía poderemos chegar ás máis caras.

Por último, apuntar que xa coñecemos os rangos aos que poderemos optar cando se abra o competitivo, nada de bronces como nos tiñan acostumados, na última imaxe vedes que aquí todos seremos mercenarios.

Artigos relacionados