Valve actualiza a súa aplicación de Steam para móbiles iOS e Android
Non, non estás soñando. Valve acaba de lanzar unha actualización —a 3.0— que renova por completo a súa aplicación para dispositivos móbiles iOS e Android.
A aplicación que tes instalada no móbil —é habitual tela para a verificación de dous pasos e ter un plus de seguridade neste mundo— conta xa cunha década de vida e, a nivel estético desde logo, estaba algo desfasadiña.
A nova app está dispoñíbel na App Store e en Google Play e os cambios son lóxicos e evidentes: unha interface máis moderna, máis rápida á hora de andar pola tenda, novas personalizadas, notificacións, acceso completo á nosa biblioteca…
Ademais, tamén ofrece a posibilidade de xestionar descargas e actualizacións de forma remota no noso PC ou Steam Deck. Tes algo no mercado interno de Steam? Agora poderás saber se xa vendiches ese obxecto que tiñas posto ou se andas na procura dalgún en concreto en tempo real.
O Steam Guard tamén foi reforzado, e xa non será preciso introducir códigos ou contrasinais, abondará cun sistema de código QR a escanear polo móbil. Maior comodidade, vaia. Nese eido da seguridade, tamén poderemos pechar as sesións que teñamos abertas de Steam polo mundo, por se sospeitamos de hackeos ou por se deixamos a nosa conta aberta nun ordenador alleo.