Valve adía o lanzamento da súa consola Steam Deck

Se es dos que gastaron 3 ouros en Steam para reservares unha Steam Deck, tiveches de recibir un correo ao longo do día de onte informando dos problemas para a fabricación das unidades da nova consola portátil de Valve.
Así é, a crise de subministracións tamén se está deixando notar nas oficinas da compañía americana, e a empresa anunciou un atraso na distribución da súa consola. En principio, as primeiras unidades reservadas ían chegar aos seus donos en decembro, pero non se empezarán a enviar até febreiro do ano que vén.
En principio, os que reservaron no seu día non terán que facer nada, nin perderán o seu posto na cola de envío, tan só esperar un pouco máis pola súa quenda.
Na web de Steam Deck está desenvolvido un chisco máis o comunicado oficial, poñendo o foco «nos problemas na cadea de subministracións global». Como ben sabes, non é Valve a única compañía que ten problemas deste tipo, pois Sony tamén está achando diversas complicacións á hora de fabricar todas as PlayStation 5 que lle prestaría.