Valve confirma estar a traballar nun DOTA Auto Chess de seu
Confirmado. Valve está a traballar no seu propio DOTA Auto Chess. Se este futuro proxecto está relacionado con DOTA Underlords, a marca rexistrada pola empresa de Gabe Newell, é aínda un misterio, aínda que o xogo debe estar nun estado moi avanzado, pois non é Valve unha empresa coñecida por deixar entrever os seus asuntos se non están máis que atados.
Nese sentido, é moi probable que durante The International 2019, o torneo mundial de DOTA 2 máis importante do ano e o que máis premios en metálico reparte dentro dos deportes electrónicos, saibamos algo novo desta mestura de xadrez e MOBA, agora sen ser un mod dentro do título de Steam.
A compañía estadounidense fixo público o proxecto a través do seu blogue oficial. No seu ltimo comunicado, Valve recoñece que tratou de traballar de xeito conxunto con Drodo (o estudio responsable do mod) pero que finalmente decidiron tomar camiños separados por mutuo acordo. Un por unha banda e outro por outro. Nun futuro non moi afastado haberá dúas versións funcionais deste chess hero.
Drodo estivo traballando na súa propia versión dun xogo para móbiles, cuxa beta xa está dispoñible. A compañía de Gabe Newell afirma colaborar co estudo chinés para que os usuarios poidan transferir o progreso das súas contas en Steam a este novo modo de xogo.
«Agradecemos a enorme motivación, o apoio e a asistencia que Valve ofreceunos con Dota Auto Chess e coa versión independente do xogo de Drodo. Valve foi unha gran compañía, que creou a plataforma de Steam e unha comunidade aberta como Steam Workshop, que permite a millóns de xogadores mostrar o seu talento. Como fans de DOTA 2 temos moita confianza no novo xogo de Valve e agardamos que sexa o seu seguinte éxito mundial», explica a empresa con sede en China no seu propio comunicado.
Semella un final feliz para todas as partes implicadas: Valve creará unha versión oficial para Steam, Drodo conta co seu apoio para manter unha versión para dispositivos móbiles e os usuarios poderán gozar de ambas.