Actualidade Valve explica como clasificará a compatibilidade dos xogos con Steam Deck

Valve explica como clasificará a compatibilidade dos xogos con Steam Deck

Valve terá o seu propio sistema de verificación de contidos para Steam Deck, a portátil que está a preparar para lanzar ao mercado dentro duns meses —en teoría, as primeiras consolas serán despachadas en decembro deste ano—. Serán catro as etiquetas que a compañía estadounidense utilizará para indicar se os títulos que queremos xogar funcionan sen problemas ou requiren algunha configuración especial, ou, simplemente, non son apropiados para Steam Deck.

Desde a súa páxina web oficial, Valve explica que está a revisar todo o catálogo de Steam na súa nova consola.  «Xa empezamos a revisar títulos, e seguiremos facéndoo até o lanzamento e máis aló. Trátase dunha avaliación continua de todo o catálogo, e a cualificación dun xogo pode cambiar co tempo: os títulos volverán ser revisados a medida que o desenvolvedor publique actualizacións ou o software de Deck mellore», comentan. «Após revisar cada xogo, asígnaselle unha categoría segundo o seu nivel de compatibilidade con Steam Deck. Verás estas categorías en Steam cando navegues pola túa biblioteca ou compres xogos en Deck».

Que quere dicir isto? Que teremos categorías de seu para cada etiqueta, o que permitirá unha navegación ou procura directa entre títulos sinalados pola compañía como óptimos para a máquina portátil. Así, Valve ofrece mesmo exemplos concretos. Ghostrunner terá etiqueta verde, Team Fortress 2, da mesma compañía, estará na amarela, que quere dicir «Xogable», mais o usuario «ten que seleccionar manualmente unha configuración de mando da comunidade, utilizar a pantalla táctil para moverse por un lanzador, etcétera».

A cor gris indica «Non compatible» e aí entrarían xogos que non poden ser executados neste sistema. O exemplo? Half-Life: Alyx, destinado a sistemas VR. A última etiqueta, que é un interrogante e significa «Descoñecido» será utilizada para aqueles títulos que Valve aínda non comprobou. Day of Defeat, por exemplo. Isto non significa que non poidan ser xogados, é só que non pasaron a proba aínda dos técnicos da compañía.

Que requisitos debe cumprir unha obra para poder levar a etiqueta verde? Ser compatible con mando —e cando sexa necesario usar teclado, mostralo en pantalla de maneira automática—, nun sentido amplo: se ten lanzador, debe ser posible moverse por el tamén cos controis predeterminados de Deck. Debe ser compatible coas resolucións da máquina (720/800) e «ter unha configuración predeterminada adecuada» que garanta tamén que o texto sexa lexible. Por último, debe ser compatíbel tamén nun sentido amplo: de usar Proton, todo debe ser compatible con Proton, anticheats incluídos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.