Valve ofrece detalles de Artifact 2.0: a beta está preto e non poderemos mercar cartas
Valve quere salvar Artifact. É un enunciado que a compañía emitiu hai xa varios meses, perante o fracaso do seu xogo de cartas. Un terreo que nada presta dentro da empresa americana, sobre todo como desenvolvedora, que estes días goza do éxito de Half- Life: Alyx, elevada como unha das mellores —senón a mellor— experiencia VR do momento.
A idea exposta era simple: refacer o xogo. Redeseñaríanse as mecánicas e contaríase coa opinión da comunidade para facer que o xogo poida funcionar. Esta semana, os responsábeis de obrar este Artifact 2.0 achegaron novos datos a través dun comunicado, indicando que a beta da nova proposta está máis preto que lonxe, aínda que non acheega nha data concreta.
Como se accederá á beta? Non, mercar o xogo no seu día non outorga prioridade algunha, senón que é a empresa a que vai elixindo quen xoga e quen non, até chegar á fase de beta aberta. Que mudará na economía interna? Valve aprendeu dos erros cometidos e afirma que non se venderán cartas nin mazos con diñeiro real. As cartas conseguiranse xogando, o que non elimina que haxa certa monetización chegado o momento —quizais un pase de tempada ou futuras expansións—. Por suposto, as funcións das diversas cartas tamén mutaron en novos poderes e aspectos.
Doutra banda, confirmouse tamén que o título será máis accesíbel para o público. A comunidade mostrouse moi reservada coa formulación de Artifact, quizais demasiado complexo para o profano ao xénero, mesmo demasiado dependente da sorte segundo a partida. Sábese que contará cun modo de probas para axudar aos xogadores para deseñar, construír e probar mazos, polo que será máis sinxelo ver o resultado e a aplicación do mazo nas futuras partidas.