Valve publica por sorpresa o seu novo xogo, Dota Underlords
Despois do incríbel éxito do mod DOTA Auto Chess, só era cuestión de tempo que Valve retomase a senda que tantas alegrías lle deu no pasado: convertir un xogo non oficial, nun xogo real. Nun principio quería contar cos creadores orixinais do mod, pero semella que a cousa non chegou a bo porto. O estudo chinés Drodo Studio ficou coa posibilidade de facer unha versión para móbil e colleuna, obviando a de Steam, chamada Auto Chess. Ora ben, durante o E3, no PC Gaming Show, púidose comprobar como Epic decidiuse a levar este novo xogo á súa tenda, o que puido motivar o empurrón definitivo para que Valve, dona de Steam, decidise dar luz verde á publicación de Dota Underlords, a versión oficial (por así dicilo) dun título que nace oficializando un xénero novo, o chess hero.
Se desexas saber de que vai todo isto, en Morcego dedicamos xa un par de artigos a falar das bondades deste novo tipo de xogo, coa estratexia como base. Porén, o mellor é ver vía Twitch ou Youtube algunha partida para comprender con maior exactitude que é Dota Underlords.
«Dota Underlords é un novo xogo independente no que enfrontas a sete opoñentes nunha batalla de enxeño na que terás que dar forma, combinar e subir de nivel a un conxunto de personaxes ao longo dunha batalla por dominar a cidade de White Spire. Neste xogo, a vitoria está determinada non polos reflexos de contracción, senón por tácticas superiores», reza o comunicado oficial compartido a noite do xoves.
Está xa dispoñible? Sí, pero…
Segundo se pode ler no comunicado de lanzamento, ao longo das últimas semanas diversos xogadores puideron ir probando nunha beta privada a evolución do xogo. Agora, todos os posuidores dun Dota 2 Battle Pass poderán xogar tamén. Isto quere dicir que terás que descargar DOTA 2 e comprar o actual pase de batalla que hai con motivo da International, o torneo máis grande do xogo. O prezo mínimo deste compendio é de 8,75 euros, o MOBA é un free-to-play.
No caso de que teñas devandito pase, terás permiso para:
- Xogar en liña contra outros sete xogadores á vez
- Practicar sen conexión contra robots avanzados (cada cal máis difícil)
- Reunir un grupo de amigos e xogar xuntos contra bots ou outros xogadores
Dentro dun par de semanas, abrirase a Open Beta, aberta a todo o mundo. Este período de probas si será de balde para todo aquel que teña instalado Steam, ben en Windows, en Mac ou en Linux. Ademais, tamén se poderá xogar en Android e en iOS. A partires de aí, poderase:
- Procurar partidas profesionais (ranked games)
- Xogo cruzado entre todos os dispositivos
- Compartir o progreso da túa conta entre todas as plataformas dispoñibles
Valve avisa: o xogo está en beta e quere escoitar as queixas e as proposicións que fagan os xogadores para facer o mellor título posible e, tras un tempo de probas, publicar a primeira tempada oficial de Dota Underlords.