Actualidade Vampire The Masquerade: Bloodlines 2: atrasa o seu lanzamento e Hardsuit Labs non seguirá co proxecto

Vampire The Masquerade: Bloodlines 2: atrasa o seu lanzamento e Hardsuit Labs non seguirá co proxecto

A pregunta, non poucas formulada ao longo destes dous últimos anos, sobre cando verá a luz Vampire The Masquerade: Bloodlines 2 vai continuar sen resposta e sen demasiadas esperanzas. Que o título non avanzaba a bo ritmo era algo sabido, mais esta vez o atraso no seu lanzamento vén acompañado doutro elemento negativo: a saída do equipo principal do seu desenvolvemento.

Así foi anunciado por Paradox Interactive, a través do seu balance de final de ano. A compañía explica que «a actual pandemia de coronavirus tivo un efecto mixto no noso negocio», o que derivou na idea de pospoñer varias estreas. «Tamén decidimos que Hardsuit Labs xa non liderará o desenvolvemento de Bloodlines 2, e comezamos unha colaboración cun novo socio para rematar o traballo no xogo. Foi unha decisión difícil, pero estamos convencidos de que é o camiño correcto para facer xustiza ao título».

Paradox tamén publicou un comunicado de características similares na canle de Discord de Bloodlines 2 no que afirman que deixarán de aceptar reservas do xogo polo momento. Aproveitan esas liñas para agredecer o esforzo a Hardsuit Labs, que definen como «un gran traballo ao sentaren as bases do xogo»

En ningún dos comunicados a compañía sueca revela que estudio será o encargado de finalizar o desenvolvemento deste novo capítulo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.