Actualidade Varios estudios cortan relacións con Chris Avellone após ser acusado de depredador sexual

Varios estudios cortan relacións con Chris Avellone após ser acusado de depredador sexual

Ao longo dos últimos días, o deseñador de videoxogos e guionista de cómics estadounidense Chris Avellone foi acusado de cometer abusos sexuais a diferentes mulleres no pasado. Avellone traballou con diversos estudios e compañías, sendo algúns dos seus traballos máis recentes títulos como Vampire: The Masquerade – Bloodlines 2, The Waylanders ou Dying Light 2. As tres compañías detrás destas obras xa emitiron comunicados nos que aseguran romper lazos laborais após coñeceren as acusacións.

Paradox Interactive foi a primeira en lanzar un comunicado no que explica que o traballo do estadounidense foi breve, durante as primeiras fases do desenvolvemento do seu novo xogo e que na práctica, ningunha das súas contribucións está na obra que Hardsuit Labs segue desenvolvendo. Alén disto, a compañía non fai mención ás acusacións.

Doutra banda, Avellone foi unha das fichaxes estrela para o RPG galego The Waylanders, que Gato Studio acaba de lanzar en acceso anticipado para Steam. Emily Grace Buck, guionista principal, explicou que Chris xa non está no proxecto e que foi ela quen levou a batuta do guión, non el, pero as súas escenas serán revisadas. Grace explica que ninguén do equipo sabía ou coñecía nada sobre o deseñador no referido a estas acusacións. A continuación podes ler o comunicado do estudio coruñés.

Pola súa banda, Techland, responsábeis de Dying Light 2, afirmou que a empresa recibe «moi en serio» este tipo de asuntos, que non os tolerarán nin entre os seus empregados nin entre os seus consultores externos, grupo no que entraría Avellone. Así, o estudio polaco tamén prescindiría de xeito inmediato dos seus servizos.

As acusacións vertidas nas redes son graves e falan de episodios de acoso e abuso sexual, como Avellone tratando de forzar a unha muller coa que bebera previamente na habitación dun hotel. Esta mesma muller explica nun chío que Avellone chegou a estar betado nunha gran convención polo seu comportamento.

Outra das mulleres afectadas por este caso vén de publicar na súa conta de Twitter unha captura de pantalla na que o deseñador lle envía unha serie de mensaxes de claro e inapropiado contido sexual.

Avellone non tardou en recoñecer algunhas das acusacións realizadas, respondendo directamente por Twitter a varias implicadas. É posíbel que nas vindeiras horas decida ofrecer algún comunicado sobre todo o acontecido.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.