Actualidade Varios xogadores de Super Smash Bros., acusados de cometer delitos sexuais

Varios xogadores de Super Smash Bros., acusados de cometer delitos sexuais

As últimas semanas están a arroxar unha serie de acusacións dentro da actualidade do mundo dos videoxogos. Os delitos de índole sexual salpicaron a numerosas compañías e personalidades, como foi o caso de Chris Avellone. Nesta ocasión, foi a comunidade de Super Smash Bros. a implicada neste asunto, con máis de 50 xogadores sinalados por cometer este tipo de prácticas.

Zaxel, ZeroTwoNone, Jtails e Cinnpie son algúns dos nomes que saíron á luz, acusados de realizar mensaxes sexuais indeseados, asaltos sexuais, acoso, pedofilia e mesmo violacións. Todos eles están vinculados coa escena competitiva do título de Nintendo e o usuario de Twitter @Dark_Wizzy_ encargouse de recompilar toda a información relacionada neste documento.

A compañía xaponesa saiu ao paso desta onda de acusacións, declarando que esta clase de comportamentos son «inadmisibles». «Queremos deixar claro que condenamos toda clase de actos de violencia, acoso e abuso contra calquera persoa, e que apoiamos a todas as vítimas», remarcou a empresa da Gran N.

Doutra banda, os acusados tamén quixeron tomar a palabra. Entre os que declararon a súa culpabilidade atópase Nairoby Quezada, que foi xa expulsado do seu equipo NRG Esports. Quezada ofreceu as súas desculpas polo acontecido, xa que «o meu comportamento non foi o correcto, trabuqueime». T1 tamén concluíu a súa vinculación Jason Bates, debido ás «serias acusacións de mala conduta».

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.