Reportaxes Vinte xogos para non esquecer este 2018

Vinte xogos para non esquecer este 2018

A falta de dúas semanas para despedir o ano, convén afrontar este artigo non como unha listaxe de favoritismos (que seguro que algo diso hai), senón como vinte pezas, vinte acordanzas, ou vinte uvas que facer baixar pola gorxa.

Non hai orde lóxica, non é unha enumeración de menos a máis ou viceversa. Son dúas decenas de definicións para lembrar que este 2018 foi mellor ano do que seguro hoxe imaxinamos.

Return of the Obra Dinn (PC e Mac)

Relatar unha vida a través do momento da súa morte. Return of the Obra Dinn non é só un dos indispensables deste ano, senón que pasa ao Olimpo das aventuras gráficas por méritos propios.

A súa capacidade de narrar a través do silencio, xunto a unha proposta gráfica única e agradable, fan do título de Lucas Pope unha rara avis dentro da industria. Poida que a súa historia, en conxunto, non estea á altura das pasaxes individuais, pero é unha anécdota menor.

Return of the Obra Dinn é un clásico moderno. Imprescindible.

Tetris Effect (PS4)

Dalgunha maneira, esta reinvención do clásico Tetris pasou certamente inadvertida. Deseñado por Monstars e Resonair, e publicada por Enhance, contén un apartado audiovisual soberbio. Sorprende, moito.

Pode un xogo de Tetris innovar no visual, posuír un apartado gráfico de luxo que incite a velo na maior televisión posible? Si, e é Tetris Effect. Un auténtico despregamento de luces, cores e sombras que transformar as partidas en algo completamente novo. Hipnótico. Segundo parece (nós non puidemos gozalo neste modo), xogalo en VR convértese nunha experiencia absolutamente épica, que envolve e absorbe por igual.

Red Dead Redemption 2 (PS4, Xbox One)

Rockstar voltou facelo. Crear un título que sorprende, engancha e provoca sensacións que a competencia só soña, e que de cando en cando pode lograr. Arthur Morgan xa pasou a ser un dos personaxes por antonomasia da industria do videoxogo, e a súa historia de redención será lembrada.

A implementación da realista caza, os roubos, a comunidade do campamento, a súa narrativa… Todo acaba por derivar nunha obsesión enfermiza polos detalles marca da casa que en Red Dead Redemption 2 alcanza cotas estratosféricas.

Pode criticarse a súa lentitude, o seu sistema de disparo e a súa falta de innovación nalgúns aspectos, pero todo iso, ao final, é intencionado. Así era o salvaxe oeste. Pouco máis se pode facer. O seu pequeno fracaso nos GOTY, galardón que moitos daban por asignado, quizais tivese que ver coa polémica sobre o crunch que rodeou o xogo. A posteriori, diversos empregados defenderon a Rockstar, e outros ex empregados cargaron contra a compañía. Será unha mancha que perseguirá ao título e ao futuro da empresa da erre.

Into the Breach (PC, Switch)

Os creadores de FTL, Subset Games, non se quixeron durmir nos loureiros e foron capaces de lanzar un título ambicioso, divertido e enorme.

Into the Breach é un xogo de estratexia por quendas incriblemente fresco, cheo de posibilidades e capaz de dar decenas de horas sen sequera darse o xogador conta. Dá certo gusto ver como unha compañía opta por traballar ideas novas e orixinais, sen necesidade de asinar unha continuación ou seguir os pasos marcados polos seus acertos pasados.

Un argumento sinxelo (a humanidade foi invadida polos Vek) que dá pé a un complexo e coidado formato de xogo, onde o xogador ten e sabe todo o necesario para poder saír vitorioso co menor número de baixas posibles. Aquí sempre se sabe que vai facer o inimigo, e aí a súa orixinalidade. Non se trata de predicir o movemento da IA, senón tomar a decisión óptima pola nosa banda.

 Florence (iOS)

O único malo de Florence? Que necesitarás ter iOS para poder gozalo, darlle un bocado á mazá de Jobs, vaia.

Dúas expresións culturais distintas que converxen nunha mesma forma tanxible. Cómic por unha banda, videoxogo por outra. Florence é unha bela historia de amor que se vive a través dunha pantalla onde os dedos ordenan.

Apenas dura corenta minutos, pero son suficientes para contar unha trama que coñecemos dabondo, que se nos contou un millón de veces, pero á que se lle dotou dunha orixinalidade e uns matices fabulosos. A forma de interactuar coas mecánicas xogables é todo un acerto e visualmente é unha experiencia sobresaínte.

God of War (PS4)

“Read it boy”, e o auditorio dos Game Awards aplaudiu coma nunca en toda a noitee. Foi o exemplo perfecto, a proba empírica de que a aventura de Kratos e o seu fillo Atreus calaron fondo. Moito.

God of War é a reformulación dunha saga que debía facelo e que saíu non só indemne, senón que se reforzou e puido promover unha experiencia cinematográfica fantástica e marabillosa. A súa ambientación, a súa historia, as súas metáforas… Todo acaba por combinarse a hora de sacar adiante unha peza obrigatoria para os posuidores dunha máquina de Sony. Ou case.

Forza Horizon 4 (Xbox One e PC)

Máis que probablemente, a mellor opción actual para aqueles usuarios que gocen coa condución arcade. A saga Forza converteuse nunha das xoias da coroa de Microsoft, un feito contrastado que levou á compañía americana á compra de Playground Games para os seus intereses.

Forza Horizon 4 é un alarde audiovisual cheo de momentos memorables. De centos de quilómetros embalados nun disco para que o usuario goce deles.

Non só os amantes dos xogos de condución (o que estas liñas escribe non se considera tal) poderán gozar desta entrega, pois posúe un despregamento de posibilidades tan amplo que o aburrimento é case imposible. Ninguén pode resistirse a obter puntos mentres vai derrapando nunha curva. Axuda a manter o interese no tempo as súas continuas actualizacións e contidos semanais, os seus cambios de estación; en definitiva, a súa vida interna.

Monster Hunter: World (Xbox One, PlayStation 4 e PC)

Que dúbida cabe á hora de falar de Capcom como unha das compañías máis en forma desta xeración. Moitos acertos en moi pouco tempo. Monster Hunter: World, é un deles.

A última entrega da franquía foi capaz de atraer a un novo público occidental á súa proposta, sen deixar de lado as súas raíces orientais, e o resultado é sobresaínte. O título de Capcom é unha experiencia que se goza a cada pouco, e na que cada usuario atopará a forma de xogar que máis lle plazca, sexa cunha espada de tres metros, sexa cunha bésta cargada de municións especiais.

A sensación de vitoria tras derrotar a algúns dos monstros máis difíciles do xogo roza o absurdo. Xogalo en compañía, como non, multiplica a diversión e engade un compoñente de estratexia en tempo real máis que agradable.

“Un monstro máis e  a durmir”, dixo nunca ninguén.

Marvel’s Spider-Man (PS4)

Outro dos exclusivos de Sony que foi quen de rebentar o mercado este 2018. O seu desenvolvemento antollouse longo, e mesmo recaeron sobre el dúbidas de downgrade, ou de que a súa xogabilidade non semellaba moi clara nos adiantos amosados… Todo quedou en nada despois do seu lanzamento.

Marvel’s Spider-Man é un dos mellores xogos do home araña que se fixeron nunca. Quizais non posúa a mellor das súas historias, pero a sensación de movemento e dinamismo que Insomniac Games impregnou a todo o seu proxecto é brutal.

Non é necesario facer unha misión, salvar a alguén, ou tratar de ser un heroe… O gran logro de Marvel’s Spider-Man é facer que o xogador viva toda unha experiencia en ir dun lugar a outro da cidade sendo o trepamuros de Stan Lee. Ninguén pode aburrirse diso. É imposible.

Celeste (PC, Xbox One, PlayStation 4 e Switch)

Se transcender fose o obxectivo por antonomasia dunha obra cultural, Celeste pode dar por conseguido tal feito. Os canadenses Matt Thorson e Noel Berry deron a luz, no principio do ano, un dos plataformas 2D máis logrados e interesantes da historia. Así de fácil, así de complicado.

Celeste é unha obra mestra con todas as letras, un título que posúe unha base xogable magnífica, pero que ademais se apoia e vive sobre unha mensaxe bela, inesquecible e con momentos para gardar no caixón da memoria.

Algúns quererán afastarse desta aventura polo seu apartado gráfico, non a probarán. Non serei eu quen xulgue o gusto de ninguén, pero a frase “non sabes o que estás a perder” cobra un novo significado con Celeste, capaz de sorprender a cada paso.

Dragon Quest XI: Ecos dun pasado perdido (PlayStation 4, Switch e PC)

Dos mellores JRPG do ano, do lustro e da década. Unha viaxe épica que celebra os trinta anos de historia dunha saga recoñecida, adorada e que continúa cultivando éxitos innegables. Agora mesmo en occidente, aínda que para iso teñamos que esperar un pouco máis e xogar coa nosa propia versión con voces a maiores e demais modificacións de mercado.

Dragon Quest XI é unha fermosa epopea, unha maneira de namorar ao xogador a través dun grupo de personaxes que se xuntan para facer fronte ao destino. Fiel ao seu estilo artístico, asinado por Akira Toriyama, pai de Son Goku, a sensación de familiaridade non se perde en ningún momento, e o acabado dos deseños antóllase magnífico.

Por se hai algunha dúbida, posúe a duración típica de vella escola: 60 horas e subindo se se toma con calma e con ganas. Unha obra perfecta tanto para o xa iniciado na saga, como para o que quere mergullarse por primeira vez nela e os seus combates por quendas.

 

GRIS (PC e Switch)

Perfección lírica. Sorpresa artística. Marabilla narrativa. GRIS é unha experiencia que convén vivir, máis que xogar. Unha viaxe pola dor e a superación, polo lado amargado da depresión e o recordatorio de que sempre hai unha luz que nunca se apaga. Ou oxalá non o faga.

GRIS pasa por méritos propios a aparecer na definición ou a lista dos mellores xogos creados en España, máis concretamente en Catalunya por Nomada Studio, coas acuarelas de Conrad Roset e a música de Berlinist achegando a arte.

A súa aceptación internacional percíbese meritoria. Só pode un imaxinar a alegría e os brindis con champaña que estes días percorrerán as súas oficinas en Barcelona. Un primeiro xogo que abre un futuro prometedor.

A Way Out (PlayStation 4, Xbox One e PC)

É de agradecer que sexan as grandes compañías as que ás veces tamén aposten de maneira arriscada, e poñan por diante a orixinalidade ás vendas. A Way Out non é unha obra mestra, pero merece a pena gozar man a man cun amigo da súa formulación e as súas mecánicas.

Pode pecar de sinxelo nalgunhas das súas accións, e non debería ser un desafío para a gran maioría de usuarios, pero tanto Vincent como Leo transmiten vida, confianza e paixón. Algo que non sempre se ve por estas terras.

Un sopro de aire fresco no mundo do videoxogo cooperativo.

Detroit: Become Human (Play Station 4)

Unha historia espectacular, redonda e con moi poucas fisuras. Así é a obra de Quantic Dream para a máquina de Sony, un estudio que pode presumir de levar dúas décadas apostando polo diferente dende a súa Francia natal.

Ao longo da súa narrativa, o xogador atopará de todo: alcol, depresión, racismo, malos tratos… E terá que lidar con iso. Non é fácil introducir a cantidade inxente de temáticas que viven en Detroit: Become Human e non fracasar no intento, ou simplemente acabar por ser moitas cousas á vez e ningunha en concreto. Non é o caso.

O ritmo que posúe é frenético, pero a mensaxe é clara.

Dragon Ball FighterZ (PC, PlayStation 4, Xbox One e Switch)

Xa amentamos antes a Akira Toriyama… Faltaba por aparecer a súa maior creación: Dragon Ball. O xogo editado por Bandai Namco irrompeu como un furacán na escena competitiva e casual. Un divertidísimo título de loita que tamén pode servir de introdución para todo aquel que queira achegarse ao xénero.

Recibiu un bo número de personaxes dende o seu lanzamento, e hoxe móstrase como un xogo vivo. O seu apartado gráfico foi un dos grandes culpables a hora de facer que toda a comunidade gamer acabase por botarlle un ollo. Nunca tan ben se viu a Son Goku nun videoxogo, e con tantas chiscadelas ao anime e o manga orixinais. O outro responsable do seu éxito é Arc System Works, expertos en dotar aos seus xogos de loita dunha envexable e traballada profundidade.

Recentemente chegou tamén a Switch, para así ocupar un sitio privilexiado en todas as plataformas de xogo desta xeración.

Assassin’s Creed Odyssey (PC, PlayStation 4 e Xbox One)

Ubisoft logrou crear un dos mundos máis inmensos e traballados da historia recente do videoxogo. Parece que os seus títulos mídense cunha vara de totalmente diferente á doutras compañías, por iso sorprende que aínda hoxe sr teña que xustificar a presenza de ACO como un dos títulos do ano.

Sexa con Alexios ou con Kassandra, o estudo francés apostou por continuar a revolta iniciada en Origins, e converte a saga dos asasinos nunha aventura de forte compoñente RPG. Nesta ocasión, tocará percorrer as illas gregas, onde a mitoloxía xúntase coa historia.

Quizais non posúa a mellor narrativa posible, tampouco axudan eses micropagos absurdos que contén, ou que o sistema de niveis atópese desequilibrado respecto a a trama principal, pero continúa sendo un xogo notable, capaz de dar decenas de horas de diversión.

Frostpunk (PC)

Na vida, hai decisións difíciles, logo hainas fodidas, e logo están as que deberemos tomar en Frostpunk.

Os creadores de This War of Mine sabían que debían continuar o seu propio ronsel de orixinalidade para volver sorprender ao público. E fixérono. Frostpunk é un título que mestura a xestión dunha cidade coa supervivencia máis dura e desoladora que se imaxine.

Un mundo xeado, imprevisible, no que o xogador debe dar acubillo aos sobreviventes que pululan por el. Ou non. No inferno non todos son bos. Non sempre funciona a democracia. Non sempre se pode salvar a todo o mundo. De novo, 11 bit studios conseguen facer pensar ao xogador, e non só sobre que facer ou que acción tomar, senón que lle esixe ese exercicio unha vez vai deitarse.

Super Smash Bros. Ultimate

A súa chegada a Switch antollábase un furacán e así foi. Só en Xapón, xa despachou máis de 1,2 millóns de copias. Brutal.

A nova entrega da franquía de loita de Nintendo regresa ao grande. Un número de personaxes espléndido, colorido e para todos os gustos. Máis veloz e máis ofensivo có seu predecesor, Ultimate é a fórmula perfecta para evitar o aburrimento. Unha homenaxe perfecta á industria do videoxogo e os seus heroes.

Iso si, Nintendo ten que solucionar os seus problemas de conexión.

Dead Cells (PC, PlayStation 4, Switch e Xbox One)

Mata, morre, repite. E así decenas de veces. E así centos de veces. E así… é Dead Cells. Un dos portentos indie deste ano, que se gañou o corazón de máis dun xogador, sobre todo o de aqueles amantes do estilo rogue-like. O seu éxito internacional confirma a plenitude do xénero para os estudos pequenos e medianos, e a boa época que vive o 2D dentro das pantallas.

A pesar de que o seu lanzamento oficial deuse como tal este ano, o xogo de Motion Twin xa levaba moito tempo nas bibliotecas de Steam. A súa fórmula baseada na repetición e á aprendizaxe foi mutando (igual que o seu protagonista) aos poucos, en busca da mellor xogabilidade posible, na procura dun equilibrio perfecto.

Destaca o control que o xogador ten sobre o personaxe. Aquí un non morre porque o xogo falle, ou porque non está todo o medido que debería. Aquí todo pasa polos controis que apliquemos e os tempos que manexemos.

Octopath Traveller (Nintendo Switch)

O exclusivo de Switch creado por Square Enix e o produtor de Bravely Deafault colocouse rapidamente como un dos imprescindibles da consola xaponesa. O seu apartado visual, a súa beleza e o seu aire retro fixeron de Octopath Traveller unha viaxe directa á época dourada do xénero, tomando como referencias a clásicos da envergadura de Final Fantasy VI ou Chrono Trigger.

Posuidor dunha banda sonora memorable, un sistema de combate clásico (quizais os encontros aleatorios sexan algo doutro tempo, aínda que esa é a idea) e unha serie de narrativas diferentes ao prototípico, fan do título de Square Enix unha engrenaxe imprescindible para armar o reloxo deste 2018.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.