Voiceful Characters, a ferramenta que xera voces artificiais en videoxogos

Voiceful Characters, a ferramenta que xera voces artificiais en videoxogos

VoctroLabs, compañía con sede en Barcelona, vén de lanzar Voiceful Characters, un software que permite crear voces artificiais en videoxogos, serious games ou aplicacións de realidade virtual. Trátase dunha potente ferramenta destinada principalmente a creadores e profesionais. O equipo que deu forma a este proxecto participou no pasado na creación de Vocaloid, un dos bancos de voz máis avanzados do mundo.

Voiceful Characters é un complemento text-to-speech que transforma o texto escrito nas voces que dan vida aos diferentes personaxes dun videoxogo. A tecnoloxía, baseada en Deep Learning, xera voces de alta calidade, expresivas e realistas. Porén, a ferramenta non nace coa intención de substituír ás imperdíbeis voces humanas, senón coa fin de complementalas. Que usos ten?

 Voiceful Characters incorpórase aos proxectos baseados en Unity e non depende de terceiros.

  • Xerar diálogos personalizados e dinámicos a partires de texto escrito.
  • Dar voz aos NPCs dun xogo, especialmente a aqueles con atributos non humanos (monstros, robots, etc.) aos que se lles pode imprimir diferentes emocións (felices, enfadados, asustados…).
  • Aumentar a accesibilidade dos xogos baseados en texto para as persoas con dificultades de visión, ao xerar de forma automática contido de voz.
  • Encaixar o ritmo do storytelling, ao permitir escoitar os diálogos de forma interactiva durante o proceso de desenvolvemento do xogo.

Un produto, tres versións diferentes

Voiceful Characters ofrece tres licencias diferentes para adaptarse ás necesidades dos estudios que queiran facerse cos seus servizos:

  • Free: Totalmente de balde , permite xerar frases de até 5 palabras e inclúe 3 configuracións de voz preestablecidas. Apta para 1 aplicación ou xogo e para estudios de pequeno tamaño.
  • Lite: Permite xerar frases sen límite de palabras e inclúe 10 configuracións de voz preestablecidas. Apta para ata 5 aplicacións/ xogos e estudios de tamaño mediano. O seu custo é de 325 euros.
  • Pro: Permite xerar frases sen límite de palabras. Inclúe 10 configuracións de voz  preestablecidas e todas as opcións de customización, deseño e clonación de voz. Apta para até 10 aplicacións / xogos. Está destinada a estudos de gran tamaño. O seu prezo, 3.500 euros, inclúe soporte técnico personalizado.

Jordi Janer, CEO de Voctro Labs, estará no Gamelab a próxima semana dando unha charla. Será o día 27 ás 10 horas na Sala C. O resto de días da feira o equipo estará por alí amosando o produto.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados