Volve a velocidade ‘made in’ Codemasters con GRID

Codemasters vén de anunciar que GRID, unha das súas franquías máis coñecidas, está lista para o seu regreso por todo o alto. A partir do 13 de setembro, poderemos pisar o acelerador en PlayStation 4, Xbox One e PC.
A cuarta entrega desta mítica serie de condución ofrece unha intensa acción de carreiras, que abarca catro continentes por algunhas das rúas e circuítos máis famosos do mundo. Sen un subtítulo ou número que acompañe ao título principal, este novo capítulo funcionará como unha especie de renacemento espiritual para a franquía.

Poderemos competir tanto en circuítos pechados coma en rueiros urbáns.
GRID quere buscar o equilibrio perfecto, ofrecendo risco e recompensa para cada tipo de piloto. O manexo é moi sensible e posúe unha curva de aprendizaxe que pode atraer tanto aos usuarios de xogos máis casuais como aos acérrimos pilotos de simulación. A progresión recompénsase con elementos distintivos, compañeiros de equipo, cartas de xogador, logros e galardóns de pilotaxe.
Os pilotos controlados pola IA do xogo levarán ao límite ao usuario para gañarse un espazo no podio e lograr a vitoria no campionato mundial GRID World Series. Os danos realistas poden afectar tanto o rendemento como ao control do vehículo e demasiado contacto co mesmo piloto fará que este se convirta nun inimigo formidable que non se deterá ante nada á hora de buscar vinganza na competición.
Fernando Alonso tamén colle o volante
Sen necesidade de presentación, o piloto asturiano Fernando Alonso asinou como consultor de carreiras e aparecerá no propio xogo. Os xogadores participarán nun serie de eventos deportivos enfrontándose contra algúns compoñentes da FA Racing, o equipo de Alonso de eSports, a través de múltiples clases de carreira antes de enfrontarse cara a cara co ex-campión mundial de F1 no seu mítico Renault R26, nun épico enfrontamento final.
«GRID como franquía de carreiras é venerada pola nosa comunidade e estamos encantados de poder levala á actual xeración de consolas» afirma Chris Smith, director do título. «O xogo ofrece moita variedade e profundidade, dende a cantidade de vehículos modernos e clásicos, ata as localizacións e opcións de carreira. Recoñecido polo seu manexo, o xogo atraerá a todos os tipos de xogadores, desde pilotos casuais que desexen un desafío con apoio, aos pilotos de simulación que busquen gran diversión».