Watch Dogs Legion é a nova filtración que molla a Ubisoft

Watch Dogs Legion é a nova filtración que molla a Ubisoft

Se hai unha compañía que remata mollada sempre polas filtracións esa é Ubisoft. Casualidade? Probablemente non, menos aínda a uns días do E3, pero así son as cousas. Tras aparecer listado por un breve período de tempo en Amazon UK, todo parece indicar que Watch Dogs 3 está máis que preto, que levará por título Watch Dogs Legion e que se ambientarán en Londres. Os rumores voaban dende hai meses nesa dirección.

A sinopse filtrada rezaba da seguinte maneira: «Xoga como calquera. Cada individuo que atopes no mundo aberto ten un set completo de animacións, voz e trazos que se xeran e guían por sistemas de gameplay». O director de Far Cry 2, Clint Hocking, sería o director do proxecto.

Nos xogos de Watch Dogs é habitual interactuar con calquera con NPC, pero parece que Watch Dogs Legion levará este apartado un paso máis aló, facendo que as misións tamén teñan certo carácter procedural segundo que personaxe as realice. Así, toda persoa deste Londres virtual será un posible recruta para o noso grupo de hackers DeadSec, colectivo comandado polos protagonistas dos dous primeiros xogos.

É posible que Legion vexa a luz a principios do ano que vén. Con todo, haberá que esperar para ver se este E3, o 10 de xuño máis concretamente, Ubisoft preséntao oficialmente.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.