Where is my Body? cumpre coa súa campaña de Kickstarter e chegará á Game Boy

Tres décadas despois do seu lanzamento, a lendaria portátil de Nintendo aínda recibe novos títulos. Where is my Body? é o nome do vindeiro xogo para a Game Boy e que após comezar a súa campaña de financiamento en Kickstarter acadou finalmente máis de 28.000 dólares.
Esta cifra supera amplamente as expectativas postas no proxecto por parte de Dan Puch, un desenvolvedor afincado en Barcelona e que xa traballou noutras entregas para Game Boy como Micro Doctor ou Lunar Journey.
No xogo teremos que tomar o control dunha man que busca o resto do seu corpo. A través de diversos capítulos e ambientacións teremos que axudar a que o protagonista se recompoña, grazas a unhas mecánicas similares ás aventuras gráficas da década dos noventa.