Wild Hearts deixa ver as súas cacerías cun novo adianto
Electronic Arts cumpre o comentado hai uns días e publica o vídeo de Wild Hearts para amosar un gameplay de sete minutos no que coñecer máis detalles deste futuro título, inspirado de xeito clara nas experiencias que aportan obras como Monster Hunter ou Dauntless.
Sete minutos nos que as comparacións son odiosas, pero é evidente que nos moveremos nun terreo coñecido, semellante ao de títulos publicados aquí por Capcom. Unha das chaves diferenciadoras? A mecánica do Karakuri, unha tecnoloxía que permite crear estruturas durante o combate —pensa en Fornite, se queres—. No vídeo esta mecánica está bastante vistosa e amosada.
Doutra banda, cómpre dicir que Wild Hearts é unha renovación da marca Toukiden para poder atraer a unha audiencia maior, coa que quere que viaxemos até a Terra de Azuma a través «dunha aventura épica ambientada nun mundo de fantasía inspirado no Xapón feudal».
Wild Hearts publicarase o 17 de febreiro en Xbox Series X|S, PlayStation 5 e PC, a través de Steam, Epic Games Store e Origin.