Women in Games celebrará dúas xornadas divulgativas na Coruña

Women in Games celebrará dúas xornadas divulgativas na Coruña

Cita máis que interesante na cidade herculina. Women in Games (WIGJ), colectivo internacional de mulleres involucradas na industria do videoxogo, vén de anunciar dúas xornadas de divulgación no Viveiro ACCEDE Papagaio.

WIGJ trátase dun colectivo sen ánimo de lucro que traballa para recrutar a máis mulleres dentro da industria do videoxogo e apoiar a aquelas que xa forman parte da mesma. Proporciona apoio e asesoramento a particulares e negocios para que comprendan que unha carga de traballo máis diversa tradúcese en melloras de produtividade e rendemento económico.

A organización, con representacións en máis de 50 países celebrará na Coruña unha serie de actividades e charlas divulgativas nas que se pretenderá pór en valor o papel das mulleres dentro desta industria. Ao mesmo tempo, organizará talleres de contidos orientados a profesionais e estudantes do sector, coa finalidade de presentar os videoxogos coma unha opción de futuro a nivel laboral.

Estas actividades terán lugar as tardes do 12 e 13 de decembro con entrada libre e consistirán en:

Mércores 12 de decembro

  • 19:00, obradoiro de narrativa e storytelling “Narrative Design & Branching Storytelling: The Workshop” a cargo de Emily Grace Buck (en inglés).

Emily Grace Buck  é unha escritora norteamericana coñecida non só polo seu desempeño profesional en videoxogos de primeiro nivel como Batman ou The Walking Dead, senón que ademais é unha das voces máis autorizadas dentro do sector, con numerosas participacións en eventos e debates, abordando temáticas que toman como base o papel das mulleres dentro da industria do videoxogo, tanto a nivel produto de lecer e a imaxe que se proxecta ao consumidor como desde unha perspectiva laboral.

Xoves 13 de decembro

  • 18:30, sesión divulgativa “Game Dev: What Gamers Think We Do vs What We Actually Do” con Emily Grace Buck (en inglés).
  • 19:30, descanso e aperitivos para os asistentes.
  • 20:00, mesa redonda sobre deseño de personaxes “Diverse gamedevs, diverse game characters: a cycle” con Emily Grace Buck, Paloma Ferro, Carolina Hernández, Bárbara Martínez e María Fernández.

Paloma Ferro  é unha xornalista galega especializada en videoxogos cunha ampla experiencia no sector, entre eles o principal medio de comunicación de videoxogos, Vandal.net, ou, tamén, La Voz de Galicia.

Carolina Hernández é unha profesional das retransmisións en liña dentro da plataforma Twitch baixo o seudónimo de “Li Valentine”.

Pecharán o cartaz de poñentes aa venezolana Barbara Martínez Solé, environment artist en Gato Studio e a súa compañeira, a coruñesa María Fernández Hermida, tamén environment artist en Gato Studio e embaixadora de Women in Games en España É a propia María a que organiza estas xornadas e a que participará como moderadora da charla.

O evento conta coa colaboración de Gato Studio, e o apoio do Concello da Coruña e Google.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados