Actualidade Women in Games programa unha serie de eventos en liña durante o illamento

Women in Games programa unha serie de eventos en liña durante o illamento

Moitas organizacións e entidades organizáronse para facer máis levadía a corentena durante estes días. Nesta ocasión toca falar de Women in Games España. A asociación vén de de iniciar un conxunto de actividades dixitais protagonizados por referentes femininos da industria do videoxogo. Corentena Women in Games consistirá en 18 actividades totalmente de balde; obradoiros, partidas, conferencias ou podcasts formarán parte dunha axenda que vai desde o 18 de marzo até o 29 do mesmo mes.

Na súa páxina web pódese consultar todo o programa, sendo a vindeira cita hoxe venres 20 de marzo a partir das 20 horas, unha sesión charlando en Minecraft dirixida por Sara Montagud. Porén, a oferta non remata aquí, xa que Leticia Ahumada dirixirá un obradoiro de aprendizaxe didáctica en Minecraft ou mesmo clases sobre modelado 3D de personaxes a cargo de Ana Bolumar. Tamén está prevista unha charla, «Inside an indie game», que será coordinada por Rita Fortuny. O colofón a Corentena Women in Games será cun podcast a cargo de Martaaax e Menwii, creadoras de BlizzSpot.

Women in Games España foi creada en xaneiro do 2017 e as súas fundadoras foron Teresa Vidal, Anna Ferrés e Gisela Vaquero. Un dos obxectivos principais da organización é axudar a todas aquelas mulleres que se atopan relacionadas con algún eido do mundo dos videoxogos, a través de charlas, conferencias e todo tipo de actividades impartidas por figuras femininas da industria.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.