World of Warcraft Classic anuncia a súa data de lanzamento

Nuns meses haberá que sacar un billete para a máquina do tempo de Blizzard e ir ata o 2004. World of Warcraft Classic xa ten data de lanzamento; a partir do 27 de agosto poderá ser gozado por todos aqueles que teñan unha subscrición en World of Warcraft.
Neste volta ao pasado, poderase gozar das contornas orixinais de Azeroth tras a actualización 1.12.0, Drums of War, lanzada aló polo 2006. O propio presidente da compañía americana, J. Allen Brack, sinala que a construción e o lanzamento deste lendario videoxogo foi algo «intensamente desafiante» no seu momento.
A idea de Blizzard para con este lanzamento pasa polo goce de tanto xogadores veteranos como novatos, que ambos poidan gozar das orixes do MMORPG máis famoso da historia, e que este novembro cumprirá 15 anos. Habilitarase a posibilidade de organizar unha banda de ata 40 xogadores para confrontar os perigos que axexan no Núcleo de Magma ou loitar por abrir as Puertas de Ahn’Qiraj. Despois do seu lanzamento, World of Warcraft: Classic irá engadindo novo contido de igual maneira que no seu día o fixo o título orixinal.

Cartaz oficial coa data de lanzamento creado por Blizzard.
«A experiencia de World of Warcraft Classic é moi diferente da Azeroth que coñecemos hoxe en día, pero encántanos polo que é e polo que representa. Estamos ansiosos por reencontrarnos con este mundo perigoso, esixente e gratificante con todos os nosos amigos, novos e vellos», explica Allen Brack. A partir deste mesmo 15 de maio, os usuarios actuais de WoW poderán, cun pouco de sorte, probar este modo clásico se conseguen ser seleccionados para participar nalgunhas das súas betas pechadas.
Como é habitual neste tipo de aniversarios, Blizzard confirmou a creación dunha edición coleccionista para conmemorar este aniversario e que chegará a finais de outubro cun prezo de 99,99 euros. Incluirá:
- Figura de Ragnaros: Unha reprodución do Señor do Lume de máis de 25 cm.
- Pin de Onyxia: A cabeza de Onyxia, nai de liñaxe do Voo Negro.
- Alfombrilla para o rato co mapa de Azeroth: Quizais teñas xa quince anos xogados no WoW, pero nunca está de máis lembrar os seus roteiros.
- Fantásticas ilustracións: Ilustracións de calidade, orixinais e oficiais, listas para enmarcar.
- 30 días de tempo de xogo: Inclúe unha subscrición a World of Warcraft dun mes.
- Monturas de alabastro: Tributos en pedra viva dun par de criaturas voadoras familiares.

Aspecto do contido que incluirá a edición 15º aniversario.