Actualidade World of Warcraft presenta Shadowlands, a súa nova expansión

World of Warcraft presenta Shadowlands, a súa nova expansión

Non foi unha sorpresa, pero calquera anuncio sobre World of Warcraft é sempre ben recibido. Blizzard presentou, a través dunha épica cinemática de cinco minutos de duración, a nova expansión do seu mítico título. Leva por título Shadowlands, e permitirá aos xogadores explorar novas terras mentres confrontan os perigos desatados por Sylvanas, após provocar o caos en Azeroth por mor do seu asalto ao Rey Lich.

«Para salvagardar a orde cósmica, os campións de Azeroth deberán emprender unha viaxe ás terras dos mortos e afrontar as consecuencias dos actos de Sylvanas», explica o anuncio oficial da nova expansión, a oitava de World of Warcraft. Nela os usuarios poderán coñecer a rexión das Terras Sombrías, un plano infinito ao que acoden as almas dos mortos.

Polo de agora, non se confirmaron novas clases de personaxes, aínda que a compañía estadounidense sinalou que si haberá unha nova experiencia de subida de nivel. Non hai data de lanzamento para Shadowlands. Se queres descubrir os seus segredos, é recomendábel que vexas o vídeo que tes a continuación.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.