Actualidade X019 :: Moitas pequenas sorpresas nesta cita verde

X019 :: Moitas pequenas sorpresas nesta cita verde

Microsoft prometeu xogos para o X019 e houbo xogos. É unha débeda que se cumpre, quizais non da forma máis espectacular posíbel, na que non houbo ningún anuncio que fixese rebentar teclados ou pantallas, pero tampouco foi pouca cousa. A compañía de Redmond presumiu de contar con dous grandes estudios que producirán para ela, Rare e Obsidian, e amosou un prometedor futuro onde non só os títulos triplo A teñen oco. Sacou músculo tecnolóxico con Project xCloud e presumiu da volta dun clásico, como é a saga Age of Empires IV. De todo, para todos.

A conferencia, dispoñíbel ao final do texto, quixo servir de resumo das intencións da marca Xbox en base ás súas obras. Unha plataforma que ve como o terreo medio, o dos xogos feitos con agarimo por un grupo reducido, tamén ten tirón e cabida na industria. Así, Everwild preséntase como o novo proxecto de Rare, creadores de Sea of Thieves. Posúe un aspecto gráfico interesante e lanzarase en PC e Xbox One, malia que sen unha data concreta, tan só explicando que permitirá experiencias «únicas e irrepetibles». Oxalá.

Os pais do recentemente estreado The Outer Worls,  Obsidian, poden seguir sorrindo. Non só porque o seu último xogo está a ser un éxito entre crítica e público, senón porque Grounded, a súa nova odisea, promete ser toda unha homenaxe cara ás pequenas cousas. Unha aventura de supervivencia multixogador que bebe da fonte narrativa de Cariño, encollín os nenos e mergullaranos nun xardín onde os perigos son evidentes, sobre todo se só medimos uns milímetros.

Grounded promete acción a pequena escala. Chegará na primavera do 2020.

Os creadores de Life is Strange tamén presentaron novidades. Tell Me Why é o nome dunha aventura narrativa que promete emocións de todo tipo, seguindo a fórmula que tan ben manexa o estudio.

É imposíbel negar que boa parte da expectación xerada ao redor da cita verde tiña como base a posibilidade de ver as primeiras imaxes de Age of Empires IV. Loce ben, cun aspecto gráfico adaptado aos novos tempos, situando a acción no medievo e sorprendendo coa aparente grata destrución de estruturas. Non hai data, polo que tocará seguir esperando, aínda que a responsable do estudo indicou que están a gozar do xogo cada día.

Tamén Bleeding Edge, o novo título multijugador de tipo brawl de Ninja Theory, tivo o seu protagonismo a través de novas imaxes e gameplay. Neste caso, si se puxo data de saída: 24 de marzo de 2020. Pronto haberá unha beta cun novo personaxe nela. Outro dos títulos que destilou personalidade foi o interesante West of Dead, obra de acción ambientada no Salvaxe Oeste que nos poñerá na pel dun pistoleiro maldito, morto, que terá de loitar contra hordas de zombis, bruxas e demais criaturas da escuridade. O seu aspecto gráfico chama a atención e contará coa voz do mítico actor Ron Pearlman (Hellboy, Inimigo ás portas).

Na recta final da conferencia tamén se fixo pública a data de lanzamento para Halo: Reach, o 3 de decembro, título que poderemos xogar tanto en Xbox One coma en PC a través de Windows 10 e Steam. Chegará con todo tipo de optimizacións: 4K de resolución, melloras na interface, progresión e máis. Doutra banda, por fin, a saga Yakuza aterrará na máquina de Microsoft. SEGA confirmou que levará   Yakuza 0 e as revisións Yakuza: Kiwami e Yakuza: Kiwami 2 a Xbox One.

Outros nomes que gozaron de certo protagonismo foron Planet Coaster, Minecraft Dungeon ou o incríbel MicrosoftFlightSimulator, que segue presumindo de vistas e paisaxes, e que mesmo optou por ensinar a cidade de Vigo e o seu porto desde as alturas. Por suposto, desveláronse novidades sobre o Xbox Game Pass, que sumará 50 novos xogos ao seu catálogo. Age of Empires 2 Definitive Edition, Remnant From the Ashes ou RAGE 2 xa están dispoñíbeis.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.