Zona retro Xa dispoñíbel The Land of the Seazogs, unha aventura gráfica deseñada en Ferrol

Xa dispoñíbel The Land of the Seazogs, unha aventura gráfica deseñada en Ferrol

Vén de publicarse The Land of the Seazogs, unha aventura gráfica point & click retro-futurista de ciencia-ficción e misterio cunha inconfundible estética pixel artO xogo foi escrito e deseñado en Ferrol por Manel García e supón o seu primeiro lanzamento para ordenador, tras varios traballos destinados a dispositivos móbiles con Oops! Estudo. Abrahan Dopazo, coñecido polos seus traballos en Cogomelo Games, foi o encargado da programación.

Segundo os seus responsables, engádese así un novo título a un xénero que rexurdiu con forza nos últimos anos e que está a vivir a súa segunda idade de ouro. Para o creador de The Land of the Seazogs, “Máis aló da simple nostalxia, moitos xogadores volven ás historias emocionantes con ambientacións e personaxes memorables, lonxe de orzamentos desorbitados ou fastosos alardes técnicos. O noso xogo pretende que o respecto e a admiración polos códigos do xénero poidan facelo plenamente gozoso”.

O título emprega un sinxelo sistema de manexo a golpe de rato, sen teclas extra nin menús complexos, poñendo o foco de atención na historia. Mediante unha mecánica clásica de exploración de escenarios e uso de obxectos, o xogador debe resolver quebracabezas para progresar nunha trama que aborda de maneira accesible temas como a amizade, os límites da ciencia, a relixión ou o illamento. O xogo incorpora elementos dun futuro recoñecible, con personaxes singulares, diálogos repletos de dobres lecturas e certos toques de humor.

Por outra banda, a música orixinal do canadense Mark Sparling e o coidado deseño do son contribúen a crear unha atmosfera de suspense e misterio que contrasta cun aspecto gráfico familiar, ao máis puro estilo 8-bit.

O personaxe protagonista é o Profesor Meme, destacado experto en xenética de 164 anos que recibe unha misteriosa petición de axuda desde a remota base de investigación animal de Zerulia do seu vello amigo Gustav, o responsable do complexo, que adicou a maior parte da súa vida ao estudo dos Seazogs, unhas peculiares criaturas acuáticas que habitan ese planeta inhóspito desde tempos remotos.

The Land of the Seazogs está localizado en galego, inglés e castelán no seu lanzamento, e pretende ser o primeiro capítulo de novas aventuras aínda por vir.

Redaccion

Revista Morcego, o perfil para subir a información xeral, do día a día.