Actualidade Xa en Steam Super Woden GP, o novo título de condución galego

Xa en Steam Super Woden GP, o novo título de condución galego

«Serás capaz de chegar ao máis alto do mundo do automobilismo? A túa historia en Super Woden GP comezará desde o máis baixo en canto a recursos e orzamento. Con iso, deberás mercar un vehículo económico e inscribirte nalgunhas carreiras para empezar a ser alguén e adquirir mellores vehículos e así avanzar até a cima do mundo do motor». Así é presentado Super Woden GP, o último xogo galego que viu a luz.

Creado e desenvolto por ViJuDa, a obra chega cunha estética máis que interesante, que lembra de xeito inevitable o lendario World Rally (1993) deseñado para Gaelco e desenvolto por Zigurat, no que cunha vista isométrica conduciamos o Toyota Celica de Carlos Sainz. Así, o creador galego recupera esa vista e achega un título con campionatos, rallys, eventos especiais, modo arcade, carreiras de resistencia e unha enorme variedade de vehículos, escenarios etodo cunha  banda sonora orixinal da man de Franikku Music e Incognito Devito.

Ademais, podemos convidar, grazas ao Steam Remote, a tres amigos máis a xogalo —abonda con que só un teña o título na biblioteca de Steam—. A continuación tes un extenso gameplay para velo en acción:

O título chega, ademais, traducido a diversos idiomas, entre os que destaca a inclusión do galego, o català, o valencià e o euskera. Doutra banda, nun futuro non moi afastado, tamén aterrará en Nintendo Switch, a híbrida de Nintendo.
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.