Actualidade Microsoft move ficha e detalla as características da futura Xbox Series X

Microsoft move ficha e detalla as características da futura Xbox Series X

Xbox segue dando pasos cara á nova xeración. Hoxe, 24 de febreiro, vén de dar outro, pois foron confirmados novos detalles sobre a súa próxima consola, Xbox Series X. A través dunha entrada na páxina oficial da consola, Phil Spencer proporcionou importantes características sobre o dispositivo, como a súa potencia ou a súa capacidade. Podedes achalas a continuación:

Potencia gráfica

Até 12 teraflops de rendemento de GPU terá Xbox Series X, o cal supón o cuádruplo de velocidade de procesamento dunha Xbox One e o dobre que unha Xbox One X. Todo grazas ao procesador, que utilizará tecnoloxía AMD personalizada, con arquitecturas Zen 2 e RDNA2. Tamén se especificou que se utilizará a tecnoloxía de VRS, que permite establecer mellores detalles e efectos nos personaxes ou obxectos sen afectar ao frame-rate. Ademais, o DirectX Raytracing a través do hardware proporcionará unha iluminación máis real e acústica realista.

Estas son as características máis relevantes de Xbox Series X

Máis velocidade, máis resolución

Xbox Series X suporá un salto importante no referido a resolución gráfica. Tal e como sinala Microsoft, a consola será compatible con até 120 fps e resolucións de 8K. Todo iso acompañado dun almacenamento SSD que permitirá mellorar os tempos de carga e o tamaño dos mundos dos títulos. Ademais poderemos ter en suspensión varios xogos en todo momento.

Alén disto, o HDMI 2.1 será o estándar, polo que a auto-baixa latencia ou a taxa de refresco variable serán unha constante. A compañía tamén indicou que pretenden introducir unha nova tecnoloxía que permitirá reducir o input lag nos mandos inalámbricos de Xbox.

Retrocompatibilidade

Outro dos aspectos máis importantes da nova xeración. Neste terreo puidemos saber que si teremos acceso ás xeracións anteriores de Xbox, é dicir, un total de catro xeracións. Unha novidade importante é que os videoxogos interxeracionais de Xbox Game Studios, como Halo Infinite, farán uso de Smart Delivery. Esta ferramenta permite mercar obras  en Xbox One, pero xogalas tamén en Series X sen a necesidade de volver adquirilas.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Comentarios non permitidos
  1. […] Projekt RED deixou as cousas claras desde o anuncio das características oficiais de Xbox Series X. Cyberpunk 2077 fará uso de Smart Delivery, unha ferramenta que permite a compra de xogos […]