Actualidade Xbox Family Settings permite aos pais xestionar o tempo de xogo dos seus fillos

Xbox Family Settings permite aos pais xestionar o tempo de xogo dos seus fillos

Unha das compañías máis implicadas en ofrecer a máis diversa e segura experiencia de xogo aos seus usuarios é Microsoft. As súas propostas no campo da accesibilidade aos seus títulos para os colectivos de persoas discapacitadas avalan esta liña de actuación. Agora, a compañía estadounidense vén de presentar unha nova aplicación para dispositivos móbiles que permite aos pais controlar o tempo de xogo dos seus fillos. O seu nome é Xbox Family Settings e conta cunha versión preliminar para Android e iOS.

Entre as súas funcións principais atopamos a de limitar o tempo que se pode estar perante a pantalla, reducir o tempo de lecer na consola ás fins de semana, filtrar o contido en función da idade ou mesmo restrinxir a comunicación con xogadores descoñecidos. As capacidades das aplicación non rematan aquí. Tamén se crean informes tanto diarios como semanais da actividade do usuario e permite xestionar as solicitudes de amizade, estando esta función dispoñíbel cando chegue ao mercado público

O acceso anticipado de Google Play permite descargar Xbox Family Settings, pero tan só os 10.000 primeiros usuarios en descargar a aplicación en iOS serán os únicos en poder utilizala nos dispositivos de Apple.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.