Actualidade Xbox Game Pass supera os 10 millóns de subscricións activas

Xbox Game Pass supera os 10 millóns de subscricións activas

Microsoft decidiu apostar desde hai varios anos por un modelo de negocio baseado na subscrición ás súas plataformas, onde os usuarios tan só terían que se preocupar de decidir cal sería o seu vindeiro título a un prezo económico. Agora, os datos comezan a apoiar esta política, polo menos así vén sinalado polos resultados financeiros do último trimestre para Xbox. Máis de 90 millóns de subscricións activas a Xbox Live e máis de 10 millóns de subscritos a Xbox Game Pass permiten establecer unha nova marca para a compañía en ambos os dous servizos.

Unha das razóns principais destas cifras radica no confinamento nas nosas casas por mor da crise do coronavirus, tal e como comentou Satya Nadella, director executivo de Microsoft. Outro dos proxectos que ten no seu punto de mira a compañía estadounidense é Project xCloud, o cal se atopa en fase preview en sete países e agárdase que oito máis se incorporen ao longo das próximas semanas.

No referente a puros ingresos, o forte crecemento de Xbox Game Pass e Minecraft melloraron as previsións de Microsoft para este trimestre, xa que aumentou a monetización de contido dentro dos xogos e os servizos. Doutra banda, os ingresos por hardware descenderon un 20 %, unha caída lóxica considerando que a nova xeración chegará a finais do 2020.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.