Actualidade Xbox Series X :: Microsoft promete que a súa retrocompatibilidade inclúe miles de obras

Xbox Series X :: Microsoft promete que a súa retrocompatibilidade inclúe miles de obras

Non necesitou dunha retransmisión ao grande para sorprender esta tarde de xoves, Microsoft, con detalles da nova xeración de máquinas. A través dun xeneroso artigo dentro da súa páxina oficial, a compañía de Redmond revelou varias das características relacionadas coa retrocompatibilidade de Xbox Series X.

Na nova entrada, Microsoft saca peito e presume de tecnoloxía ao explicar que o seu novo modelo de consola poderá facer funcionar miles de títulos de Xbox, Xbox 360 e Xbox One. Todos estes poderán beneficiarse das características da nova máquina, da súa CPU, GPU e SSD.

Exemplo diso é a reconstrución de HDR, coa que mesmo títulos que non tiñan soporte para esta tecnoloxía poderán verse beneficiados de xeito automático sen ver baixar o seu rendemento. Segundo a compañía estadounidense, non fará falta un modo boost para facer uso desta e outras melloras, como a posibilidade de duplicar framerates —de 30 a 60 e de 60 a 120 frames por segundo—, resolucións até 4K e filtros anisotrópicos para mellorar a calidade da imaxe final.

Ao longo da información publicada, Xbox non esquece falar da tecnoloxía Quick Resume, que permitirá ter varios xogos abertos asemade, en suspensión ou en segundo plano, permitindo saltar de título en título sen ter que pasar por ningún proceso de carga ou inicio. Agora sabemos que esta característica tamén se aplicará en xogos antigos, non só cos que vexan a luz despois do lanzamento.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.