Actualidade XCOM: Chimera Squad, o novo xogo da franquía de estratexia fixa a súa estrea

XCOM: Chimera Squad, o novo xogo da franquía de estratexia fixa a súa estrea

Acción táctica, pero cun toque diferente, novo, distinto. XCOM: Chimera Squad foi o anuncio sorpresa da semana da man de Firaxis e 2K Games. Seguindo a historia da franquía orixinal, sitúase cinco anos despois da campaña de XCOM 2.

Se non coñeces esta saga de videoxogos, un pequeno resumo: a humanidade debe sobrevivir ao inimigo, uns alieníxenas invasores de gran intelixencia e poder que someteron ao planeta. Para non afondar demasiado na súa historia, abonda dicir que ChimeraSquad preséntase como unha forza de elite de Cidade 31 que busca loitar pola unión do planeta e as súas especies, por iso debe derrocar os inimigos ocultos que queren a confrontación.

Será diferente ao resto de títulos? O certo é que si. Os seus creadores avanzaron que o xogo presentará un escuadrón de 11 personaxes predefinidos e únicos —unha característica que contrasta co pasado, baseado no recrutamento  e adestramento de soldados—. Mantéñense, iso si, os elementos de xestión de campaña, cun cuartel xeral desde o que operar, progresar nas investigacións e xestionar as misións.

A boa noticia é que Chimera Squad non chegará pronto, ¡chegará en menos de dez días! O 24 de abril estará dispoñíbel para a súa compra en Steam por 9,99 euros —a partir do 1 de maio pasará a custar 19,99 euros—.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.