Análises Xenoblade Chronicles 2: Torna. Retorno dun futuro clásico

Xenoblade Chronicles 2: Torna. Retorno dun futuro clásico

Cando falamos hoxe en día do contido adicional dun videoxogo pensamos en misións secundarias cuestionables, obxectos cosméticos, incentivos de reserva e demais extras para estender artificialmente a vida útil do mesmo, a cambio de baleirar un pouco máis os nosos petos. O que mostra Monolith Soft con Xenoblade Chronicles 2: Torna, the golden country é que non está rifado este tipo de contido, puramente comercial, coa expansión real dun xogo. E é que a palabra expandir queda curta cando falamos deste xogo, que de xeito evidente parece un título novo. Apenas nove meses de traballo duro serviron para mellorar o aspecto gráfico, a xogabilidade, os extras do xogo orixinal e facelo, ademais, redondeando unha historia parcialmente contada durante o periplo de Rex e Pyra.

Con esta expansión atopámonos ante unha historia anterior á acontecida no fantástico Xenoblade Chronicles 2. Os acontecementos narrados distan catrocentos anos no pasado da aventura principal e sitúannos, sobre todo, a lombos do titán Torna para darnos a coñecer a historia dunha nación convertida en campo de batalla na guerra dos Égidas, Blades supremos fillos do arquitecto.

Aínda que podemos elixir que personaxes controlar con total liberdade, os nosos protagonistas tal e como o mostra a narrativa son Lora e Jin, Piloto e Blade respectivamente e que xa coñeciamos da entrega principal. Aínda que quen xogase a esta poder saber como termina a expansión, por iso é vital non profundar demasiado na descrición da historia debido a que a carga emocional experimentada ao longo da viaxe, cos seus xiros argumentais incluídos, son do mellor que un viu no xénero JRPG dos últimos anos e un broche final espectacular á nosa andaina por Alrest.

A primeira diferenza que salta á vista con respecto a Xenoblade Chronicles 2 é o aspecto visual. E é que, a pesar de ser este un xogo excelente, foi duramente criticado (e non sen razón) pola regular optimización do seu apartado técnico, algo especialmente notorio na súa versión portátil.

Con esta expansión temos unha mellora bastante evidente polo feito, entre outras cousas, de usar un novo motor gráfico. Por suposto é algo meramente estético, pero dada a beleza do Alrest, o mundo onde se desenvolve a historia, é de agradecer esta mellora. Agora que nos sacamos de encima o apartado técnico, pasemos ao importante: a xogabilidade.

As tres entregas da saga Xenoblade saídas en Wii, WiiU e Nintendo Switch contaron cunhas mecánicas baseadas en ataques automáticos mentres o xogador usa habilidades chamadas artes, con diferentes funcións e características, que se adaptan a cada situación na loita. O que vén sendo un combate por quendas a tempo real.

Se en Xenoblade Chronicles 2 tiñamos un elenco enorme de Blades e diferentes artes para escoller entre cada arma pero só podiamos controlar ao personaxe humano (Piloto), en Torna, the golden country isto viuse modificado para poder intercambiar entre Pilotos e Blades. O que por unha banda perdemos ao ter menor número de Blades e artes, doutra banda recuperámolo podendo alternar entre personaxes, coas súas correspondentes melloras en combate, artes e habilidades únicas, activas e pasivas. Unha pequena simplificación que supón un gran cambio respecto ao sistema de combate orixinal e que fai, na miña opinión, un pouco máis accesible o título ao público pouco adaptado ao JRPG.

Unha das principais novidades, aínda que algo desaproveitada, é a categoría de Prestixio. Segundo realicemos misións secundarias e falemos con persoas por todo Alrest, iranse engadindo ao menú de Prestixio, que non é outra cousa que un medidor da nosa popularidade ao longo e ancho do mundo.

E digo novo sistema desaproveitado porque queda limitado a abrirnos novas misións secundarias cando aumentamos o nivel do noso prestixio despois de engadir a un determinado número de cidadáns. Este sistema estaría ben se non fose porque na recta final da nosa aventura obrígasenos a realizar misións secundarias ata conseguir un determinado nivel para poder encarar o final, o que de xeito evidente é prohibitivo para persoas que só queiran gozar da narrativa, pero que ten certa lóxica xa que necesitas ter un nivel de personaxe e Blade decente para non frustrarche durante o último combate.

Mención breve á banda sonora xa que a orixinal é magnífica e neste título optouse por crear varios temas orixinais en consonancia e versionar outros con carácter progresivo e toques de jazz. Todo un acerto, aínda que na miña opinión réstalle certa épica a unha historia de fantasía.

A conclusión final é que custa atopar hoxe en día, fóra do mundo indie, videoxogos  aos que se lles trate con tanto agarimo e dedicación, equilibrando o éxito comercial co artístico. Este é, sen dúbida, un xogo imprescindible para Nintendo Switch, para calquera amante do JRPG e para aquelas persoas abertas a experimentar toda a crueza e recompensas propias deste xénero.

9

O mellor

  • A enorme cantidade de contido para o que é unha expansión á vella usanza
  • O sistema de combate engancha ao xogador e incita a probar diferentes combinacións, aínda que se simplificou un pouco
  • Unha banda sonora que pon os pelos de punta
  • É moi sinxelo empatizar cos seus personaxes e acabar metido de cheo na historia

O peor

  • As misións secundarias carecen, na súa maioría, de interese e son case obrigatorias
  • O caos de efectos e cores que poden chegar a xuntarse nalgunhas batallas, ata despistar ao xogador
Ismael Vidal

Músico e profesor. Apasionado dos JRPG e namorado de buscar cómics antigos en tendas esquecidas