Yuppie Psycho conta as horas para ver a luz e farao en galego
Despois da xenial acollida da que gozou The Count Lucanor (O Conde Lucanor), Baroque Decay Games está a piques de dar a luz o seu novo proxecto. En apenas uns días, o estudio independente publicará da man de Another Indie Yuppie Psycho, a súa nova aventura pixel art con toques de terror. O título estará dispoñible en Steam para PC e Mac. Ao longo dos próximos días, Morcego publicará unha extensa entrevista co coruñés Fran Calvelo, un dos pais deste proxecto.
Yuppie Psycho está en posesión dun aroma retro herdado desa época dourada que foron os 90 para os videoxogos da península. Unha aventura na que tamén se integrarán escenas de forte inspiración anime para mergullar ao xogador nunha historia de terror un tanto atípica. Os seus creadores citan David Lynch, Cronenberg, J. G. Ballard ou Shinya Tsukamoto como referentes para tratar de averiguar que esconde o seu novo videoxogo.
A medio camiño entre o survival horror, o RPG ou a aventura gráfica, Yuppie Psycho preséntase baixo a inocencia dos 16bits, pero coa escuridade inherente de Silent Hill. Todo isto ambientado nuns 90 distópicos e con aires cyberpunk. Pero… que conta? Que debemos facer nesta historia? Poñerémonos na pel de Brian Pasternak, un mozo sen futuro que recibe unha misteriosa carta na que se lle convida á sede central de Sintracorp, a empresa máis importante do mundo. Unha vez dentro descubrirá que o seu novo traballo consiste en dar caza a unha bruxa que atormenta a todos os empregados do edificio. Deberemos evitar trampas, resolver crebacabezas e explorar o edificio mentres coñecemos a toda unha serie de extravagantes personaxes e fuximos de terribles criaturas.
A aventura deseñada por Baroque Decay Games contará coa posibilidade de ser gozada en nove idiomas diferentes, entre os que se atopa o galego. Así, Yuppie Psycho poderá lerse en castelán, inglés, chinés (tradicional e simplificado), coreano, ruso, francés, alemán e xaponés. O propio estudo lanzou unha mensaxe de axuda para a revisión dos textos en lingua galega. Mensaxe que a rede social do paxaro azul difundiu rapidamente, sementando interese e propostas de cooperación.
O xogo contou cun desenvolvemento de tres anos e foi xerando unha enorme expectación no circuíto de títulos independentes debido á súa coidada estética e ás boas sensacións que o estudio conseguiu deixar co Conde Lucanor. A día de hoxe, en Steam, posúe unha maioría de recensións Moi positivas, en base a case medio milleiro de usuarios. Pode adquirirse por 9,99 euros.