25 millóns de récord que chegan no intre máis delicado

25 millóns de récord que chegan no intre máis delicado

Máis de 25 millóns de dólares en premios. É a cantidade que Valve repartirá nesta International 8 (TI 8), ou o que vén sendo para os profanos a Dota 2, o mundial deste videoxogo. A cifra é o que parece: unha auténtica tolemia. Máis aínda cando Dota 2 non é sequera o título máis xogado do mundo, nin o máis famoso ou coñecido… En certo modo, eses 25 millóns (un chico máis) son a mostra do poderío monetario da compañía de Gabe Newell.

A cousa soa ben. Dende hai unha serie de anos, cada agosto, a International volta romper as previsións e bate o récord de premio máis grande concedido nun torneo en relación cos deportes electrónicos, do cal era o actual dono, claro. Na seguinte lista podedes atopar algúns dos torneos máis lucrativos dos últimos tempos:

The International 2018 $+25,000,000.00 (Dota 2)

The International 2017 $24,670,434.00  (Dota 2)

The International 2016  $20,770,640.00  (Dota 2)

The International 2015  $18,429,613.05  (Dota 2)

The International 2014  $10,931,103.00  (Dota 2)

LoL 2016 World Championship  $5,070,000.00  (League of Legends)

DAC 2015  $3,057,521.00 (Dota 2)

The Boston Major 2016  $3,000,000.00  (Dota 2)

The Frankfurt Major 2015  $3,000,000.00  (Dota 2)

The Kiev Major 2017  $3,000,000.00 (Dota 2)

The Manila Major 2016  $3,000,000.00  (Dota)

The Shanghai Major 2016  $3,000,000.00  (Dota 2)

 

¿Como se chega a tal cantidade de cartos? Realmente, con algo de “trampa”. O premio das TI sae da suma dunha cantidade fixa que aporta Valve, máis o 25 % de tódalas transaccións que o xogador pode realizar durante un certo período de tempo en Dota 2, xa sexa comprando o Battle Pass (Pase de temporada) do torneo, cofres relacionados co mesmo, etc… A cifra é, simplemente, astronómica.

Así se repartirán os cartos os diferentes clasificados no torneo de Valve

O certo é que o título de Steam non é o xogo que máis diñeiro move no mundo. O seu circuíto profesional é relativamente pequeno se o comparamos con outros xogos similares coma League of Legends, onde a número de xogadores que poden vivir e dedicar a súa vida ao MOBA é moitísimo maior. As empresas patrocinadoras confían máis no LoL debido a inxente cantidade de usuarios que posúe, ademais tamén está o factor de que ao longo do ano os torneos do título de Riot posúen unhas cifras de espectadores maiores e dunha maneira máis establecida. Tamén hai verdadeiras ligas e torneos adaptados a diferentes niveis. En Dota 2, a realidade é que ou estás nun dos equipos do Top 20, ou é case imposible percibir algún ingreso como profesional (que non coma streamer, onde hai outros factores en conta).

Abofé que este ano a Valve costoulle superar a cifra do ano pasado. Ata hai uns días non semellaba que o fora conseguir, e a compañía viuse na “obriga” de lanzar ao mercado algún cofre sorpresivo, para que os usuarios tiveran algún incentivo no que gastar os cartos. Moitos dos usuarios criticaron o Battle Pass de este ano que, certamente, non tiña demasiados alicientes á hora de gastar cantidades demasiado grandes nel, a diferencia doutros anos.

Tampouco son os mellores tempos para o MOBA de Gabe Newell. O xogo atópase nun momento, certamente, delicado. Por un lado, a moda do propio xénero ao que pertence está perdendo algo de fol, e a aparición de títulos coma PUBG e Fortnite resultou nun furacán dentro da comunidade xugona. Non son poucos os usuarios que deixaron de lado os seus títulos de referencia para comezar a botarlle horas a un battle royale. Case coma unha praga, Fortnite fíxose dono de YouTube e Twitch, cunha proxección e un crecemento tan exponencial que algún día será posto baixo a lupa dalgún estudo, seguro.

Estadísticas de de usuarios de Dota 2, ao longo do último ano.

Así, Dota 2 viu perder a moitos dos seus xogadores máis casuais. A propia natureza do xogo, cunha curva de aprendizaxe esixente e complexa, non axuda a percibir novas contas. Tampouco a súa comunidade, frecuentemente alarmista e crispada. Valve tentou corrixir a situación, e nos últimos parches probaron a facer algunhas mecánicas máis visuais (o rango das torres, dos campamentos de creeps neutrais…), así coma un aumento das actualizacións durante todo o ano (cada dúas semanas o xogo recibe cambios nos heroes, nos obxectos ou nalgunha mecánica).

Durante o outono do ano pasado, Dota 2 viviu un momento mediático debido ao baixón de usuarios constatado. Dos 556,496 xogadores de media rexistrados en agosto, pasou a ter 466,126 en outubro. En abril experimentou o seu pico máis baixo dos últimos tempos, 430,340 usuarios. Pese a remontar un pouco, as cifras non acompañan ao MOBA, que ve como os tempos están cambiando como a canción de Dylan. É certo, medio millón de xogadores segue sendo o soño de calquera compañía dedicada aos videoxogos, pero que cada vez son menos os usuarios de PC que apertan o botón de Dota 2 é un feito.

¿Poderá axenciarse un novo récord o ano que vén grazas a TI 9? Teremos que velo. Antes, iso si, será o momento de gozar de Artifact, o xogo de cartas baseado en Dota que Valve está a punto de lanzar ao mercado. Farao o 22 de novembro deste mesmo ano. ¿É a propia compañía a que busca xa un substituto ao seu xogo estrela? ¿É un xogo de cartas a opción correcta tendo xa unha competencia tan forte e instaurada coma HearthStone? Só Gabe o sabe, pero por se acaso, para asegurarse un bo inicio, xa anunciou que o torneo oficial de Artifact terá un premio en metálico dun millón de dólares. Non é pouco, ¿non?

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados