O creador de Stardew Valley anuncia que se atopa traballando en dous novos xogos
É posíbel que unha soa persoa cre un dos mellores xogos da década? Stardew Valley e o seu creador, Eric Barone, son a constatación dunha realidade que parecía ben difícil. Catro anos pasaron desde o debut do título en PC e logo de 10 millóns de copias vendidas sobre o seu xogo de xestión, Barone confirmou nas redes sociais que xa se atopa traballando en dous novos proxectos.
Grazas a unha entrevista que concedeu a IGN, puidemos coñecer algunhas pinceladas do cadro que está a compoñer o desenvolvedor. Ambos os dous xogos trátanse de títulos en 2D para un xogador, continúan a súa estética de pixel art e resultarán familiares para todos aqueles que probaran Stardew Valley.
A primeira obra trátase de «un proxecto ambicioso que se estivo a cociñar a lume lento». Doutra banda, o segundo xogo é descrito por Eric Barone «como unha cousa máis pequena para se divertir». Con estes dous títulos ao lombo, tampouco esquece ese asunto que é continuar a traballar nas actualizacións da obra que o catapultou á fama, polo que o avance dos dous xogos podería demorarse no tempo.
Yes, I'm actually working on a couple of new projects. One takes place in the world of Stardew Valley, but is not a farming game. The other, I'm not 100% sure about the world yet, but it will tie into Stardew Valley in some way
— ConcernedApe (@ConcernedApe) February 11, 2020