Cyberpunk 2077 vendeu máis de 13 millóns de copias, descontadas as devolucións
Malia que foi un das estreas máis desastrosas da industria no referente á calidade e aspecto do produto entregado, Cyberpunk 2077 pode presumir de cifras. CD Projekt RED revelou que despacharon un total de 13 millóns de copias, tendo en conta, ademais, as devolucións realizadas.
O número fíxose público a través dun comunicado aos investidores, que publicou a compañía polaca esta mañá, no que se buscaba tranquilizar os ánimos dos mesmos. A cifra de vendas tiña como última referencia o 20 de decembro.
Segundo o comunicado, os 13 millóns de copias foron obtidas logo de sumaren todas as plataformas, físicas e dixitais, pero tamén de restar as devolucións a través de plataformas dixitais e as solicitudes de devolución que foron realizadas a través da plataforma habilitada por CD Projekt para tal fin.
A campaña de devolucións internas de Cyberpunk 2077 por parte de CD Projekt finalizou onte, aínda que tanto Sony como Microsoft aínda aceptan solicitudes.