Actualidade A editora 505 Games merca a licenza Ghostrunner

A editora 505 Games merca a licenza Ghostrunner

Algo viu 505 Games en Ghostrunner, o xogo de acción futurista que axudou a que vise a luz co apoio tamén de All In! Games. A editora comprou a propiedade intelectual do xogo, pagando por ela, segundo GamesIndustry, uns 5 millóns de euros. Adquire así os dereitos sobre o título e todas as solucións tecnolóxicas utilizadas no seu desenvolvemento.

A obra de acción en primeira persoa recibiu unhas críticas bastante positivas desde o seu lanzamento grazas a súa proposta moderna e veloz, onde percorremos unha cidade futurista na que imos eliminando inimigos sen parar de avanzar, o que supón un reto de coordinación e pericia. Moi satisfactorio, a verdade.

Desenvolto por One More Level, o mesmo día do seu lanzamento a obra conseguiu recuperar o cento por cento do seu custo, uns 2,5 millóns de euros, para logo vender máis de medio millón de copias antes de rematar 2020. Ao longo deste ano chegarán, en teoría, as versións para a actual xeración de consolas, ademais de tres expansións e unha versión para Luna, o servizo de xogo na nube de Amazon.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.