Actualidade Man of Medan faranos vivir entre catro e cinco horas de terror

Man of Medan faranos vivir entre catro e cinco horas de terror

Quizais vexamos os termómetros derretidos unha vez chegue agosto, pero ao menos poderemos arrefriar o ambiente co terror que promete Man of Medan, o primeiro título da serie The Dark Pictures, o proxecto narrativo e xogable que ten Supermassive Games nas súas mans. A duración deste tipo de títulos, enfocados principalmente á narración e a toma de decisións, é sempre unha curiosidade recorrente; por iso, os creadores do magnífico Until Dawn quixeron desvelar o dato.

Segundo o director do xogo, Tom Heaton, «a aventura durará entre catro e cinco horas», estando máis preto da segunda cifra que da primeira. O creador cre que se trata dunha «duración boa para unha historia con moitas ramificacións» xa que evita alongar a narrativa de maneira artificial.

Pode que algún pense que é pouco, pero a realidade é que tal e como se nos conta a historia, hai un factor de rexogabilidade evidente. «Teredes gana de xogalo outra vez e de salvar aos que morreron na primeira volta, de xogar outra vez e matalos a todos… Creo que a xente quererá xogalo moitas veces e tratar de atopar todos os contidos secretos que se ocultan no seu interior», explica Heaton.

Publicado por por Bandai Namco,  Man of Medan sairá o 30 de agosto para  PlayStation 4, Xbox One e PC. Conta a historia dun grupo de mozos que topan, no medio do océano, un buque de carga que naufragou en estrañas circunstancias no Pacífico Sur, aló polo ano 1947.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.