Actualidade Achégate a Chernobylite, o novo xogo de The Farm 51

Achégate a Chernobylite, o novo xogo de The Farm 51

O terror nuclear e os desastres causados pola man do ser humano continúan a fascinar e colleitar o interese do público e dos artistas, capaces de crear historias ao redor de grandes catástrofes da humanidade. É por iso que dende o estudo de The Farm 51, responsábeis doutras obras como Painkiller Hell & Damnation ou Deadfall Adventures, decidiron presentar o seu novo videoxogo, Chernobylite.

Tal e como suxire o nome, Chernobylite permítenos explorar os horrores que rodean a planta nuclear da cidade ucraína de Chernobyl, após o terrible accidente que sufriu no ano 1986. Tamén poderemos explorar lugares como a gardería Kopachi, escalar o Ollo de Moscova e descubrir os segredos que esconde a abandonada cidade de Prypiat.

Cunha inspiración clara noutros títulos do xénero como a saga Metro ou S.T.A.L.K.E.R, Chernobylite permitirá vivir unha auténtica aventura de horror ao longo de 8 horas e coa capacidade de explorar o mapa a noso antollo, ademais de contar con varios finais á nosa disposición.

Chernobylite xa se atopa dispoñíbel a través de Steam, en estado de early acces para todos aqueles que queiran colaborar neste proxecto e comprobar de primeira man o traballo do estudo polaco.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.