A Tempada X de Fortnite prende os seus mechas

A Tempada X de Fortnite prende os seus mechas

Finalizada a Tempada 9, era só cuestión de días que a Tempada X (10) fixese a súa aparición. Epic Games quere seguir sorprendendo aos seus xogadores, e non é unha compañía que garde nada na recámara. Nun novo vídeo recolle as principais novidades deste décimo período: os mechas e o novo Pase de Batalla.

O Pase de Batalla ten un prezo 950 pavos e trae consigo o traxe de Señor X, e o de Catalizadora coa súa compra. Como sempre, segundo vaiamos subindo de nivel haberá máis recompensas únicas como picos duais, bailes, pantallas de carga ou estilos. Se chegas ao nivel 100 obterás unha recompensa máis que interesante, en forma de traxe do Caballero Ultima.

«Na tempada X, o tempo terxiversouse e o Punto cero é incriblemente volátil. Non importa se o que vos move é a nostalxia polo pasado ou a curiosidade polo futuro; esta tempada chegará repleta de sorpresas de todo tipo», sinalan desde Epic.

Benvido, B.R.U.T.O.

Pois si, B.R.U.T.O. é o nome en clave do traxe mecha, un vehículo para dúas persoas deseñado para que un usuario poida controlar os movementos á vez que o outro dispara coas armas. Si, poderás alternar entre os dous modos, pero sempre precisarás dun compañeiro.

Como condutores, poderemos acudir directamente ao combate, facer supersaltos e esmagar aos inimigos contra o chan. Todo o que destruamos converterase en materiais. Doutra banda, o segundo pasaxeiro contará con dúas armas: unha escopeta e un lanzamísiles cos que facer o mal.

Este traxe dual inclúe unha nova mecánica chamada Escudo total, que consome 200 de calquera tipo de material para crear un escudo durante cinco segundos. Unha protección máis que útil e efectiva durante os combates.

Se queres coñecer todas as novidades e correccións que se inclúen nesta nova actualización, podes acudir á propia páxina oficial, que inclúe as notas publicadas por Epic.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *