Algúns xogadores xa teñen nas súas mans Kingdom Hearts III

Falta máis dun mes para que Kingdom Hearts III chegue ás tendas oficialmente, pero algúns usuarios semella que xa conseguiron facerse con copias completas do xogo. A través de Twitter e outras redes sociais, algúns perfís subiron fotografías que demostrarían a filtración, e mesmo algún que outro vídeo gozando xa da nova aventura de Sora.
Polo momento, Square Enix non emitiu ningún tipo de comunicado, nin tampouco confirmou ou desmentiu a veracidade dos documentos subidos. Con todo, algúns usuarios si cren que as imaxes compartidas son reais, e temen que isto poida desencadear nunha tormenta de spoilers ao longo dos próximos días. O certo é que aínda falta bastante tempo para a súa saída, polo que quizais teñamos que andar con pés de chumbo de agora en diante cando queiramos buscar información relativa a Kingdom Hearts III, e así evitar coñecer detalles internos da trama.
Heads up, Kingdom Hearts fans:
The full version (!) of KH3 appears to be out in the wild (some screenshots and videos exist that I won't share here)
But yeah, be careful on both social media and YouTube pic.twitter.com/6QKhu31IaZ
— Nibel (@Nibellion) December 15, 2018
Que mostran as imaxes colgadas? Por motivos evidentes, non imos compartir o seu contido como tal ou enlazarvos directamente a elas, aínda que si vos podemos confirmar que se ensinan menús do xogo e un escenario inédito até esta data.
Oficialmente, a última novidade ao redor do xogo foi o lanzamento en video da súa cabeceira.