Actualidade Atlus confirma o desenvolvemento de ata sete proxectos novos de Persona

Atlus confirma o desenvolvemento de ata sete proxectos novos de Persona

O éxito e a atención xerada pola saga Persona nos últimos anos non parou de medrar en todo o mundo. Atlus, a compañía detrás destes títulos, confirmou que xa está a traballar en diversos proxectos relacionados coa franquía.

A información transcendeu a través dunha nova páxina web que o estudio acaba de crear para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da popular serie, nacida no seu día como un esgallo da saga de JRPGs Shin Megami Tensei.

Doutra banda, e seguindo o comentado por Gematsu, habería ata sete proxectos en marcha. O aniversario celebrarase en setembro e, segundo a compañía, ao longo do mesmo serán anunciados «artigos conmemorativos do 25 aniversario, varios eventos, colaboracións e, por suposto, información sobre os xogos».

Ao longo dos seus 25 anos de historia, a franquía conseguiu vender máis de 15 millóns de copias, pasando de ser un título considerado de nicho a ser un referente mundial dentro do xénero JRPG, sobre todo após a publicación en Occidente de Persona 4 Golden e Persona 5.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.