Actualidade Bethesda lanza un sistema de pago mensual para xogar en Fallout 76

Bethesda lanza un sistema de pago mensual para xogar en Fallout 76

Bethesda sorprendeu á comunidade co anuncio de Fallout 1st, un sistema premium para Fallout 76 que permitirá acceder a distintos elementos, demandados pola comunidade de xeito habitual, a través dun pago mensual. Dentro desas características destaca a posibilidade de crear mundos privados nos que xogar sen estraños, xunto con outros sete amigos e percorrer West Virginia en amor e compañía.

Os usuarios que decidan apostar por este sistema de pago tamén recibirán, cada mes, 1.650 átomos, descontos exclusivos, unha caixa de almacenamento ilimitada e unha tenda de supervivencia que permitirá dispoñer dunha base de operacións en calquera recuncho do mapa. O prezo do servizo é de 12,99 dólares, mais se queres obter un pequeno desconto neste asunto podes gastar 99,99 dólares e ter Fallout 1st todo un ano.

Trátase dun movemento un tanto estraño por parte de Bethesda, que hai uns días anunciaba o atraso da gran actualización Wastelanders, que se esperaba para este outono e que se foi até o ano que vén.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.