EA Access incorporarase a PlayStation 4
Non foi sen tempo, que decimos por estas terras, pero finalmente Electronic Arts anuncia que o seu servizo EA Access chegará a PlayStation 4. Aterrará na consola de Sony este mesmo xullo e ofrecerá dous tipos de subscrición: a mensual, cun custo de 3,99 euros; e a anual, cun prezo de 29,99 euros a través da propia PlayStation Store.
Este servizo xa estaba dispoñible en PC e Xbox One, pero Sony sempre foi bastante reticente a incluílo dentro da súa máquina, chegando a dicir que non achegaba o «valor necesario que os consumidores de PlayStation agardan», en declaracións dun empregado da compañía xaponesa a GameInformer. Entre aquela afirmación e hoxe, pasaron cinco anos.
EA Access permite gozar de The Vault, unha colección instantánea de xogos de Electronic Arts e que inclúe títulos como Battlefield, FIFA ou Star Wars Battlefront. Podes consultar a lista completa de xogos dispoñibles para Xbox One aquí mesmo, aínda que todavía se descoñece o conxunto de obras que se ofrecerá en PlayStation 4.
Os subscritores tamén terán un 10 % de desconto en todos os xogos de EA da PSN, e poderán realizar probas de até dez horas dos seus novos lanzamentos.