Actualidade Electronic Arts despide a máis de 300 traballadores

Electronic Arts despide a máis de 300 traballadores

É unha das principais editoras de videoxogos do mundo, pero non por iso consegue librar dos recortes de persoal. Electronic Arts vén de despedir a máis de 350 empregados das áreas de márketing, edición e análise de mercado. Trátase dun novo caso de despedimentos masivos dentro da industria do videoxogo este 2019, e que se suma aos de ArenaNet (máis de 400 empregados), Activision Blizzard (800 traballadores) e, máis recentemente aínda que cun número moito menor, Steam (13 membros do seu persoal).

A información saíu á luz grazas a Kotaku, que está en posesión dun correo interno da compañía no que o o directivo principal de EA, Andrew Wilson, sinalaba que o obxectivo destes despedimentos sería consolidar esta área laboral e adaptarse a unha serie de estratexias internacionais que a compañía ten sobre a mesa. O recorte na plantilla vén acompañado do peche das súas oficinas en Rusia e Xapón.

 Electronic Arts confirmou aos seus empregados que quere dar prioridade a xogos para xogar en liña.

No email, o CEO de Electronic Arts di que os estudos da compañía están a levar accións para crear «xogos de alta calidade e servizos». Tamén están a mellorar o motor gráfico Frostbite utilizado para varios dos seus títulos, FIFA,  NHL ou Anthem. A compañía quere dar prioridade a «videoxogos en rede e na nube».

Segundo a propia Kotaku, algúns traballadores sospeitaban con antelación desta posible acción ao paralizarse a contratación de novo persoal e a redución dos movementos internos. Por suposto, representante da compañía asegura que os 350 despedidos (aproximadamente, un 3,8 % do cadro laboral da compañía) terán indemnización, aínda que non especifican como nin canto será. «Estas decisións son importantes pero moi difíciles», sinala a compañía no seu comunicado.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.