Actualidade For Honor adianta os seus plans para o 2019

For Honor adianta os seus plans para o 2019

A compañía francesa Ubisoft vén de presentar o contido que For Honor recibirá ao longo do próximo ano. Veremos novos heroes de cada clase e eventos especiais para cada estación.

En febreiro cumpriranse dous anos do lanzamento de For Honor. Un título que non empezou con todo o bo pé que debería (problemas nos servidores, desequilibrios na xogabilidade…) pero que Ubisoft non quixo dar por perdido (chegou a poder ser adquirido de maneira gratuíta en Uplay), por iso continuará recibindo actualizacións ao longo de todo o 2019. Que elementos novos chegarán ao campo de batalla?

A partires do 31 de xaneiro, todos os xogadores que posúan o pase de tempada 3 irán recibindo novos combatentes. Este será o “Ano do Heraldo”.  Primeiramente chegará Vortiguer, por parte dos cabaleiros. Posteriormente incorporarase un viquingo, e por último, xa na recta final do ano, aterrará o novo heroe correspondente á facción Wu Lin.

Ubisoft tamén quixo sinalar a celebración de até cinco eventos que se repartirán entre os doce meses do ano. Corresponderán ás estacións do ano máis a unha cita especial durante o Samaín.

 For Honor é un videoxogo dispoñible para PlayStation 4, Xbox One e PC, e como mínimo, seguirá dando guerra un ano máis.

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *